05 Out A edición dixital da Memoria 2015 da COMG xa está dispoñible na súa web
A Cámara Oficial Mineira de Galicia publicou a edición dixital da Memoria 2015. Deste xeito, a entidade quere compartir con todos os usuarios a recompilación do labor desenvolto o pasado ano en favor da minería en Galicia, no marco da aposta pola transparencia na súa xestión. As persoas interesadas en descargala poden facelo no apartado COMG>Documentación.
É a primeira vez que a Cámara Oficial Mineira de Galicia recolle nun volume o seu traballo. Trátase dunha publicación de 64 páxinas, con ilustracións e gráficos que reflicten os resultados das distintas iniciativas promovidas pola entidade, e outras nas que participou.
A memoria ábrese cunha carta do presidente, D. Juan de Deus Martín Aparicio, e estrutúrase en seis apartados: presentación; representación; defensa e asistencia técnica; formación; divulgación e comunicación; e servizos e xestión. O balance de contas pecha o documento.
Para facilitar o coñecemento do seu labor, e dentro das súas funcións públicas, a entidade imprimiu 600 exemplares que xa lle foron distribuídos ás empresas socias e aos representantes da administración autonómica e estatal con competencias en minería e noutros campos vinculados á actividade extractiva, como o medio ambiente, o territorio ou os riscos laborais.