12 Dic A COMG participou no taller organizado polo Instituto Nacional de Silicose en Compostela
O director da Cámara Oficial Mineira de Galicia, D. Diego López, participou o pasado 29 de novembro no taller participativo Cara a unha actividade sen risco de sílice, organizado polo Instituto Nacional de Silicose ( INS). Na intervención, centrada na exposición ao po dos traballadores das industrias extractivas e na aplicación da ITC 02.0.02, expuxo os datos do estudo realizado pola Cámara no ano 2012.
Dos resultados do informe, D. Diego López destacou a falta de concreción na normativa de referencia ( ITC 02.0.02 e ITC 02.1.01), o que provoca heteroxeneidade na documentación presentada que dificulta a súa análise; dispersión da información que prexudica o seguimento das políticas e accións preventivas desenvoltas cos traballadores e unha deficiente descrición das condicións de traballo. Segundo sinalou o director, esta realidade repercute nunha mala xestión dos recursos destinados á prevención de riscos, tal e como mostra o gran número de medicións realizadas en postos de baixa exposición.
Destacou tamén a baixa especialización dos servizos de prevención en materia mineira. Nesta liña insistiu no alto grao de responsabilidade destes servizos no éxito da aplicación das medidas preventivas, no control e seguimento das condicións de traballo, nas medicións de po e na vixilancia da saúde dos traballadores, así como na elaboración dos documentos de seguridade e saúde. E concluíu que este labor presenta, á vista da análise feita, un baixo nivel de enchemento.
Baixa concentración e exposición
O estudo mostra tamén baixos niveis de concentración de po e sílice libre, cun baixo nivel de exposición dos traballadores do sector mineiro. Así, o 97,63% das medicións presentan valores de Fracción Respirable de Po que están por baixo do 50% do Valor Límite Admisible de Exposición Diaria ( VLAED), situado en 3 mg/ m3. Ademais, o 80,22% das medicións presentan valores de concentración de sílice por baixo do 50% do VLAED, é dicir, menos de 0,1mg/ m3.
Coloquios para a prevención
O taller participativo desenvolto en Compostela enmárcase nun conxunto de coloquios sobre a sílice promovidos polo Instituto Nacional de Silicose en novembro e que levaron tamén esta acción divulgativa e preventiva a Sobradelo de Valdeorras e a Ponferrada. A iniciativa responde o convencemento de que, a pesar dos avances realizados nos últimos anos, existe marxe de mellora no control do risco por exposición á sílice cristalina respirable e de que só se pode lograr coa unión de esforzos.
Nesta liña, creáronse estes foros para favorecer debates abertos e construtivos que permitan apuntar os aspectos nos que se deberá incidir para orientar a actividade mineira cara a un control acomodado do risco. No caso de Compostela, xunto con D. Diego López, participaron o director da Asociación Galega de Áridos ( ARIGAL), D. Carlos Martínez, quen expuxo a estratexia de ARIGAL para a protección da saúde dos traballadores, e o asesor xurídico desta entidade, D. Julio César Vale, que analizou as disfuncións normativas na prevención de riscos en minería.
Interviñeron tamén representantes do Instituto Nacional de Silicose, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, da Inspección de Traballo e Seguridade Social na Coruña e de Premap Seguridade e Saúde.