ÁRIDOS

Un gran volume de rochas obtidas en Galicia ten por destino a construción de estradas, formigóns e cementos, que son coñecidas como áridos. Trátase de rochas divididas en fragmentos que tamén son clave para industrias como a metalúrxica e a química. Son a segunda materia prima máis consumida do mundo, só por detrás da auga.

O árido é un dos piares da construción e diferénciase doutros materiais pola súa estabilidade química e a súa resistencia mecánica. Hai moitos tipos de áridos segundo a súa orixe:

Áridos naturais

Os áridos naturais supoñen un 90 % dos áridos que se extraen para a súa comercialización. Proceden de depósitos detríticos de areas e gravas, e de materiais máis ou menos disgregados e alterados por meteorización de granitoides e doutras litoloxías como pedras de gra, cuarcitas ou lousas. Presentan unha forma redondeada, de superficies lisas e sen arestas.

A extracción destes áridos realízase directamente por medios mecánicos e apenas necesitan tratamento posterior.

En Galicia existen zonas de interese para a obtención de áridos naturais:

  • A conca de Xinzo de Limia, onde existe un depósito de areas e gravas finas moi valoradas para a fabricación de morteiros, revocaduras e recheos, etc.
  • As terrazas do río Miño, onde se extraen gravas grosas e cantos (que poden ser tratadas por machucadura), así como areas. O seu uso principalmente é para fabricación de formigóns e produtos para a construción de vías.
Áridos de machucadura

Os áridos de machucadura prodúcense nas canteiras tras arrancar os materiais dos macizos rochosos e sometelos despois a un proceso de trituración e moedura. As súas superficies son rugosas e angulosas. Son moitas as litoloxías, de distintos dominios xeolóxicos, que se aproveitan como áridos de machucadura: granitos, calcarias e dolomías, cuarcitas e pedras de gra, anfibolitas, xistos, gneises, gabros, migmatitas, cuarzo, pórfiros e peridotitas.

Áridos artificiais

Son os resultantes dun proceso industrial ou mineiro ou que foron sometidos a algunha modificación físico-química doutro tipo. Son materiais de derrubamento, reutilizables e reciclables.