Portada catalogo tejas verea

O catálogo interactivo de Tejas Verea incorpora vídeos de instalación e a descarga de certificados e información técnica para facilitar as consultas de profesionais

Tejas Verea, empresa fabricante de tellas e solucións integrais para cubertas localizada en Mesía (A Coruña), membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), lanza o seu novo catálogo comercial interactivo que, por primeira vez, incorpora nun mesmo documento en liña vídeos de instalación, descarga de certificados e información técnica e ligazóns para ampliar información sobre produtos.

A nova ferramenta mellora ademais a experiencia dos usuarios na visualización dos diferentes acabados de tellas. Cada mostra de cor contén unha ligazón a un exemplo real de acabado nun tellado, facilitando así a elección da colorimetría das cubertas.

Pola súa banda, a información técnica incorpórase agora en forma de descarga directa de documentación. Desta forma, poden consultarse os certificados oficiais de cada produto, acceder á biblioteca de Arquivos BIM ou descargar outro tipo de documentos, como fichas técnicas ou o Documento de Idoneidade Técnica (DIT). Para os profesionais, inclúense tamén vídeos de instalación e un apartado específico con información técnica, como as pendentes mínimas de cuberta ou niveis de fixación para cada tipo de tella.

Eficiencia e sostibilidade para mostrar a gama Eternal

A nova edición do catálogo incorpora por primeira vez a nova gama de produtos Eternal coa que Verea superou os límites da calidade conseguida ata o momento. Lanzada en 2023, esta familia de produtos e accesorios caracterízase pola súa gran calidade, cunha perfecta definición xeométrica que facilita a súa instalación e asegura o hermetismo da cuberta.

A produción da nova gama de tellas realízase cun sistema de control de calidade automático, baseado na visión e son artificial, que analiza o 100% das tellas e detecta fisuras imperceptibles ao ollo humano. A nova gama distínguese tamén pola súa máxima planeidade, mínima absorción de auga e alta residencia mecánica, o que permite garantir unha durabilidade de máis de 50 anos.

O novo formato do catálogo é unha nova aposta de Verea pola innovación e a sostibilidade. A empresa priorizará a difusión do catálogo de forma en liña para reducir o seu impacto ambiental. O catálogo conta con posibilidade de descarga e realizarase unha tirada limitada dirixida a almacéns e profesionais, co obxectivo de reducir o consumo de papel.