
12 Xuñ A OIPE participou no congreso final do proxecto europeo S34I, organizado polo ISMC en Vigo
A cidade de Vigo foi o escenario elixido para celebrar os eventos finais do proxecto europeo S34I – Secure and Sustainable Supply of Raw Materials for EU Industry, coorganizados polo Iberian Sustainable Mining Cluster (ISMC) do 11 ao 13 de xuño de 2025. O encontro reuniu a máis de 50 expertos internacionais e serviu como punto culminante dun proxecto que traballou durante tres anos no desenvolvemento de solucións innovadoras para unha minaría máis sostible, eficiente e estratéxica en Europa.
O segundo día do congreso, Irene Pérez, responsable da Oficina Técnica da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), participou como relatora na conferencia final do proxecto, ‘From Sky to Soil: Exploring Earth. Empowering Europe‘, en representación da Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE), un dos stakeholders do proxecto.

Tras o seu relatorio, baixo o título ‘Regulatory and Institutional Challenges in the Mining Sector‘, celebrouse unha mesa redonda, na que Irene Pérez tamén participou. Nela tratáronse diversos temas vinculados aos retos e oportunidades do sector extractivo en Europa, entre eles os diferentes ámbitos de importancia da minaría sostible, os principais retos aos que se enfronta a administración á hora de facilitar o desenvolvemento de proxectos mineiros, a transferencia de coñecemento desde os centros de investigación á industria ou a construción de confianza social ao redor das iniciativas mineiras, entre outros.
Desde a COMG e a OIPE, agradecemos ao ISMC a organización do congreso e a súa invitación para participar como relatores no mesmo.