Exposicion tesouros da terra

A exposición ‘Tesouros da terra’, impulsada pola COMG, chegará a Ourense o próximo martes

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) organiza, como parte dos actos conmemorativos do seu Centenario, a exposición urbana itinerante ‘Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo’, unha mostra que percorre 2.500 anos de historia mineira en Galicia a través de paneis divulgativos.

A inauguración da exposición na cidade de Ourense terá lugar o martes 17 de xuño ás 12:00h. na Praza Bispo Cesáreo, onde estará dispoñible para a súa visita durante dúas semanas, ata o martes 1 de xullo. No acto estarán presentes o deputado provincial Rosendo Luis Fernández e o concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Ourense, Francisco Lorenzo. Por parte da Cámara, asistirán a presidenta, Cecilia Trancón, e a directora, Arantxa Prado.

A actividade mineira: testemuña da evolución de Galicia

A exposición ‘Tesouros da terra’ reflicte a historia da minería en Galicia desde os antigos fenicios, pasando pola época romana, ata a actualidade, trasladando o seu importante papel na transformación da economía e a cultura da rexión. A través de oito tótems divulgativos, a mostra explora as distintas etapas da actividade mineira na comunidade, que comezou coa minería aurífera nos séculos I e II, cando Galicia, antes Gallaecia, recibiu o seu nome por mor das súas abundantes minas de ouro.

A mostra tamén lembra algúns dos principais referentes do patrimonio mineiro de Galicia, como a mina de lignito das Pontes, un dos maiores exemplos de restauración mineira en Europa. Do mesmo xeito, a exposición destaca a relevancia dos diferentes subsectores da minería, como a lousa, motor da economía na comarca ourensá de Valdeorras; ou as augas mineromedicinais, un dos recursos mellor valorados polas súas propiedades terapéuticas, en cuxo aproveitamento Ourense é líder; entre outros.

Por último, a exposición repasa os principais fitos da Cámara Oficial Mineira de Galicia desde a súa fundación, en setembro de 1925, coa misión de unir as voces de quen traballaba no subsolo galego, ata a actualidade.

Cen anos da Cámara Oficial Mineira de Galicia

Con motivo do Centenario da Cámara Oficial Mineira de Galicia, a entidade representante do sector industrial dos recursos minerais na comunidade levou a cabo unha renovación da súa imaxe corporativa. O novo logo busca transmitir, a través dun símbolo que integra as siglas principais do órgano (CM) e un identificador que inclúe a denominación oficial da Cámara, o concepto de “usar a riqueza que emana da nosa terra para crecer”.

A nova imaxe da entidade tamén incorpora o selo do Centenario, cun símbolo e lema propios: “Cen anos de minería unidos polo futuro de Galicia”. Esta renovación pretende conmemorar un fito de gran valor para a Cámara, como é a celebración dos seus cen anos de vida, dando visibilidade ao seu papel como axente impulsor do desenvolvemento económico, industrial e social de Galicia. Do mesmo xeito, busca reflectir a riqueza do territorio galego e a súa capacidade para exercer como motor do crecemento industrial na comunidade.