santa-barbara-comg-2023

A COMG reivindica a minaría como ferramenta para a transición enerxética e a industrialización na celebración de Santa Bárbara

A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) realizou a súa tradicional celebración de Santa Bárbara, patroa dos mineiros, no Balneario de Mondariz (Pontevedra). O evento estivo encabezado pola conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana Somoza; Juan José López, presidente da COMG; e Arantxa Prado, directora da COMG.

Na súa intervención, a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana Somoza, remarcou que “a minaría é unha industria fundamental para o progreso das nosas sociedades e temos que ser capaces, xuntos, de enfrontar os retos e os desafíos que temos por diante”. Ademais, subliñou que “un destes pasa por dar a coñecer o tipo de minería que defendemos e que queremos para Galicia: unha minería sostible, garantista e respectuosa co medio ambiente, que maximice os beneficios sociais e económicos. Necesitamos unha industria forte e competitiva, que responda ás necesidades económicas e comerciais, pero que, como vos dicía, teña repercusións directas no territorio e que realice as súas actuacións con apego e respecto ao medio ambiente”.

O acto serviu para avaliar o ano 2023, no que a COMG reiterou o seu compromiso co desenvolvemento da industria mineira e a economía galega, sendo un actor esencial na achega de solucións a retos como a transición enerxética e a descarbonización de procesos en Galicia. Co obxectivo de garantir o cumprimento dos seus obxectivos, a COMG aliouse con axentes de diferentes sectores ao longo deste exercicio, como, por exemplo, a Alianza Galega polo H2; a Alianza Galega polo Clima; a Alianza Europea das Materias Primas (ERMA); a Mesa polo desenvolvemento renovable e industrial de Galicia; a Fundación Minería e Vida; a Agrupación industrial Ibérica da Minería Sostible, e FEUGA.

No seu discurso, Juan José López expresou a súa gratitude co equipo da COMG polo labor realizado durante o último ano: “Quero expresar o meu recoñecemento e agradecemento a todo o persoal da Cámara polo seu gran traballo ao longo deste ano e pola dignidade e enteireza coa que afrontaron o mal grolo que tiveron que pasar co asalto que sufrimos na nosa sede”. Coa mirada posta nos desafíos que se expoñen para o próximo exercicio, o presidente da COMG garantiu que “en 2024, imos seguir representando e defendendo os intereses de toda a industria mineira, tamén da lousa, avanzando en proxectos comúns, de innovación e investigación. A industrialización será a consecuencia de dispoñer de materias primas próximas con baixa pegada de carbono, de enerxía renovable alcanzable, de man de obra cualificada na contorna e de chan compatible. Neste camiño, necesitaremos o apoio da Xunta de Galicia, tal e como o tivemos ata o de agora e co que estamos moi comprometidos”.

Pola súa banda, Arantxa Prado remarcou que “en xornadas como hoxe, é importante que lembremos que, en Galicia, a minaría desempeñou un papel histórico no desenvolvemento económico da rexión. A minaría contribúe á diversificación económica e á seguridade enerxética do país; somos estratéxicos e somos un elemento crítico da economía e o desenvolvemento”. Ademais, engadiu que “2023 foi un ano intenso para a COMG. Pisamos o acelerador no que a actividade refírese co catálogo de recursos naturais, os roteiros guiados, a Oficina de Impulso de Proxectos Europeos, a xestión do catastro mineiro… e ese é o camiño que imos seguir”.

Algúns dos retos da COMG para o próximo exercicio son o desenvolvemento dun repositorio de xurisprudencia e análise de sentenzas para poñer ao dispor das empresas e da administración; a incorporación á súa rede de actividades turístico deportivas, con interese xeolóxico e mineiro desenvoltas por Concellos e Deputacións; a formulación de proxectos tractores en Galicia mediante a Oficina de Impulso de Proxectos Europeos que xestiona; e continuar coa colaboración con DXPERNATUR, xestionando o Catastro Mineiro e propoñendo melloras normativas que regulen de maneira máis áxil o sector.

Os premios Santa Bárbara, un recoñecemento á minaría sostible

Un dos momentos máis especiais do evento foi a entrega dos premios Santa Bárbara, outorgados a persoas e organizacións que, coa súa actividade, contribúen a impulsar a minaría sostible. Estes galardóns, que se dividen en tres categorías, recoñecen o compromiso do sector da minería coa calidade e o respecto polo medioambiente. A conselleira María Jesús Lorenzana Somoza foi a encargada de entregalos.

O premio Traxectoria supón o recoñecemento a unha carreira meritoria no sector da minería. Este galardón foi outorgado a Francisco Guitián Rivera, por unha vida dedicada á minería a través da investigación e a innovación na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O premio Comunicación, recoñece o labor de difusión da realidade mineira enfocada a promocionar o sector. A persoa premiada nesta categoría foi Belén Baños Riadigos, redactora e presentadora do programa Vivir Aquí da TVG, polo seu apoio ao sector dos balnearios en Galicia, especialmente durante a pandemia, cando foi un dos máis afectados.

Co premio Minaría Sostible, recoñécense aqueles proxectos, traballos ou iniciativas desenvoltos en prol da consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Este galardón outorgouse á empresa Tejas Verea, polo seu compromiso social co seu programa escolar EnTéllate, a súa iniciativa de modernización con tecnoloxía de vangarda na fabricación de novas gamas de produto nas súas instalacións de Lanzá-Mesía e por posuír ata dez certificacións que garanten a sustentabilidade da súa actividade.