
03 Xuñ A COMG inaugura a exposición ‘Tesouros da terra’ para conmemorar o seu Centenario
O martes 3 de xuño, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) inaugurou, como parte dos actos conmemorativos do seu Centenario, a exposición urbana itinerante ‘Tesouros da terra: a minería galega a través do tempo’, unha mostra que percorre 2.500 anos de historia mineira en Galicia a través de paneis divulgativos. A exposición estará dispoñible para a súa visita na Praza de Lugo ata o 16 de xuño.
No acto de inauguración estivo presente a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados do Concello da Coruña, Diana Sobral. Por parte da COMG, asistiron a presidenta, Cecilia Trancón; a directora, Arantxa Prado; así como outros membros da Xunta Directiva da entidade.

Durante a súa intervención, a presidenta da COMG, Cecilia Trancón, lembrou a importancia do sector mineiro galego, resaltando o papel da comunidade como “unha das principais potencias mineiras de España. Lideramos en recursos como cuarzo, granito, lousa, entre moitos outros, e xeramos emprego directo a preto de 5.000 persoas, sostendo miles de empregos indirectos, sobre todo en áreas rurais, contribuíndo á fixación de poboación e ao desenvolvemento local”. A presidenta tamén quixo facer fincapé no obxectivo da exposición: “Facer partícipe a toda a sociedade da historia, o presente e o futuro da minería, para que saiban o impacto positivo que ten nas súas vidas e en Galicia en xeral”.
Pola súa banda, a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados do Concello da Coruña, Diana Sobral, destacou o carácter dinamizador do sector mineiro na provincia: “Só na provincia da Coruña, preto de 500 persoas traballan nesta industria, contribuíndo ao seu dinamismo económico e social”. Tamén quixo felicitar á Cámara polo seu Centenario, e polo impulso de iniciativas que “axudan a achegar á cidadanía a realidade dun sector moderno, innovador e comprometido coa sostibilidade”.
A actividade mineira: testemuña da evolución de Galicia
A exposición ‘Tesouros da terra’ reflicte a historia da minería en Galicia desde os antigos fenicios, pasando pola época romana, ata a actualidade, trasladando o seu importante papel na transformación da economía e a cultura da rexión. A través de oito tótems divulgativos, a mostra explora as distintas etapas da actividade mineira na comunidade, que comezou coa minería aurífera nos séculos I e II, cando Galicia, antes Gallaecia, recibiu o seu nome por mor das súas abundantes minas de ouro.
A mostra tamén lembra algúns dos principais referentes do patrimonio mineiro de Galicia, como a mina de lignito das Pontes, un dos maiores exemplos de restauración mineira en Europa. Do mesmo xeito, a exposición destaca a relevancia dos diferentes subsectores da minería, como os áridos, o segundo recurso máis consumido do mundo; o granito, unha roca en cuxa produción Galicia é líder; a lousa, motor da economía nas comarcas de Valdeorras e outras zonas de Ourense, Lugo e A Coruña; ou as augas mineromedicinales, un dos recursos minerais mellor valorados polas súas propiedades terapéuticas; entre outros.
Por último, a exposición repasa os principais fitos da Cámara Oficial Mineira de Galicia desde a súa fundación, en setembro de 1925, coa misión de unir as voces de quen traballaba no subsolo galego, ata a actualidade. A súa primeira sede, situada na Rúa Real da Coruña, foi testemuña do nacemento da entidade, inicialmente centrada na representación sectorial, para posteriormente enfocarse na defensa, innovación e promoción da riqueza mineral galega.
Cen anos da Cámara Oficial Mineira de Galicia
Con motivo do Centenario da Cámara Oficial Mineira de Galicia, a entidade representante do sector industrial dos recursos minerais na comunidade levou a cabo unha renovación da súa imaxe corporativa. O novo logo busca transmitir, a través dun símbolo que integra as siglas principais do órgano (CM) e un identificador que inclúe a denominación oficial da Cámara, o concepto de “usar a riqueza que emana da nosa terra para crecer”.
A nova imaxe da entidade tamén incorpora o selo do Centenario, cun símbolo e lema propios: “Cen anos de minería unidos polo futuro de Galicia”. Esta renovación pretende conmemorar un fito de gran valor para a Cámara, como é a celebración dos seus cen anos de vida, dando visibilidade ao seu papel como axente impulsor do desenvolvemento económico, industrial e social de Galicia. Do mesmo xeito, busca reflectir a riqueza do territorio galego e a súa capacidade para exercer como motor do crecemento industrial na comunidade.