Xeoparque Cabo Ortegal

O Xeoparque do Cabo Ortegal camiño á oficialidade

O proxecto de Cabo Ortegal foi defendido de novo fronte a UNESCO este mes de xuño polo alcalde de Valdoviño, Alberto González, en calidade de presidente da asociación dos sete concellos que promoven o xeoparque (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño). Anteriormente amparada tamén pola Deputación.

González afirmou que esta sería a “oportunidade para alcanzar un desenvolvemento sostible dun territorio que é necesario protexer e conservar, pero tamén dinamizar” e apela aos 28.000 veciños destes concellos para que se “conciencien e se convenzan das fortalezas deste espazo”.

O proxecto: sete concellos e un plan

A área que corresponde á iniciativa de Cabo Ortegal conta cun total de 630 quilómetros cadrados de superficie e algo máis de 28.000 habitantes. Toda a zona caracterízase pola constante perda de persoas censadas e dun tecido económico dependente de Ferrol, Narón e As Pontes. As estratexias asociadas ao proxecto buscan unha diversificación da actividade económica e o aproveitamento planificado dos recursos endóxenos e da innovación, sen perder de vista a sustentabilidade.