Ourense acolle o II Congreso Internacional de Balneoterapia, un encontro dedicado á xestión da talasoterapia e ao benestar termal, que reuniu expertos e profesionais do sector procedentes de toda Europa. A directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Arantxa Prado, asistiu á cita, que volveu situar a provincia como punto de encontro internacional arredor da saúde, a prevención e o uso terapéutico da auga.

A conferencia inaugural contou coa participación de Mrs Marlies Sobczak, recoñecida experta europea e membro do consello de ESPA, quen puxo o foco na necesidade de fortalecer as redes de colaboración entre institucións, empresas e especialistas para impulsar a innovación e poñer en valor o papel das augas mineromedicinais dentro das estratexias de saúde e benestar do século XXI. Na súa intervención, tamén destacou a importancia de avanzar cara a un enfoque centrado no benestar integral das persoas, así como de atraer talento novo ao sector.

Na inauguración oficial, celebrada na aula magna da facultade, participaron representantes institucionais e do ámbito académico e empresarial, que subliñaron o termalismo como recurso estratéxico para Ourense tanto desde a perspectiva terapéutica como económica e turística. O comité organizador informou de que esta segunda edición recibiu preto de 70 traballos e contou con máis de 150 investigadores de sete países, confirmando a proxección internacional do encontro. O congreso coincidiu esta semana coa celebración de TERMATALIA, feira internacional de referencia do sector termal.