A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) celebrará o venres 20 de novembro, de 10:00 a 12:00 horas, no Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (A Cabana, Ferrol), unha xornada aberta para presentar os resultados obtidos e a evolución do Catálogo de Recursos Naturais dispoñibles na Materioteca de Galicia durante 2026.

Durante a sesión, a COMG dará a coñecer os avances desenvolvidos na identificación, caracterización e catalogación de recursos minerais galegos, así como as actuacións orientadas á procura de novos usos e aplicacións para produtos e subprodutos minerais dispoñibles en Galicia. Este traballo, en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), analiza o potencial destes materiais para substituír materias primas actualmente importadas polo tecido industrial galego, contribuíndo a reforzar cadeas de subministración locais e a reducir a dependencia exterior.
Ademais, presentaranse casos reais de innovación industrial desenvolvidos por empresas participantes no proxecto Materioteca e recoñecidas nos III Premios de Desenvolvemento Sustentable da Fundación Minería e Vida (2026): PASEK Minerales, coa iniciativa “Minería innovadora para a captura permanente de carbono”; e Áridos do Mendo, exemplo dunha peme galega pioneira na valorización de áridos, ouro e minerais críticos.
As persoas interesadas en asistir poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón.

