RECURSOS XEOLÓXICOS

Os materiais presentes na xeosfera e os procesos que nela suceden -vulcanismo, metamorfismo…- dan lugar a unha gran cantidade de recursos, entre eles os minerais, que son explotados para favorecer o benestar e desenvolvemento da sociedade.

Galicia é unha zona rica en rochas e minerais útiles tanto para a construción como para diversas industrias, e a súa presenza responde a procesos asociados á tectónica de placas, con xacementos xurdidos de maneira interna (asociados ao magmatismo e ao metamorfismo) e con xacementos cunha orixe externa (ligados á meteorización e á sedimentación).

A riqueza de recursos xeolóxicos de Galicia chamou a atención tanto de locais como dos pobos invasores ao longo dos séculos, un patrimonio que foi capturado nos numerosos estudos desenvolvidos polo químico e xeólogo Isidro Parga Pondal durante o século XX, coa realización dunha serie de mapas que describen por primeira vez de forma pormenorizada as características xeolóxicas das diferentes provincias galegas.

A comunidade galega está situada nun ámbito xeotectónico con abundancia de afloramentos de rochas ígneas acedas e intermedias como os granitoides e, nalgúns sectores, básicas e ultrabásicas como as anfibolitas e os gabros. Ademais trátase dunha rexión con grandes extensións de afloramentos de rochas metamórficas, cunha presenza maior de xistos e gneises na súa parte central e occidental; e de lousas, cuarcitas, areniscas e calcarias na zona oriental. En Galicia son tamén son numerosos os diques de cuarzo e as extensións cos depósitos de areas, gravas e arxilas formados durante o Terciario e o Cuaternario.

Este gran abano de rochas constitúe o obxecto principal da actividade mineira da rexión galega, constituíndo recursos xeolóxicos moi valorados a nivel local, nacional e internacional. Unha gran porcentaxe aprovéitase para o sector da construción, ben sexa como pedra natural ou como áridos. Mentres que outros minerais serven a outras industrias, como a siderúrxica, a química ou a alimenticia.

As reservas das diferentes rochas e minerais explotados son abundantes en relación co ritmo de produción actual, o que asegura o abastecemento a longo prazo.