Aridos do mendo - Visita estudiantes Coruxo

Áridos do Mendo recibe nas súas instalacións aos alumnos de Coruxo 

A pasada semana, os alumnos de 3º de ESO do Instituto de Coruxo (Vigo) puideron coñecer de primeira man como funciona a moderna explotación de Áridos do Mendo

Os profesionais da empresa situada en Salvaterra do Miño explicaron ao alumnado e aos seus profesores a importancia da minería para a sociedade galega e como funciona esta explotación dedicada á investigación, innovación, extracción e beneficio de varios recursos mineiros. 

Áridos do Mendo explota desde 1985 un xacemento de orixe fluvial, cuxos materiais beneficiados son areas e gravas, así como unha pequena fracción de ouro e de terras raras. Trátase da única empresa galega que obtén estes metais fundamentais para a industria e o desenvolvemento das novas tecnoloxías. 

Para aumentar os coñecementos sobre minería sostible dos escolares, cada escolar recibiu como regalo un cómic sobre os usos dos áridos, creado por Arigal; así como unha Axenda Mineira Escolar, editada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia.