Usuario Contrasinal
COMG
Usuario - - Acceso de usuarios
Lunes - 17.Diciembre.2018


O conselleiro de Economía, Francisco Conde, presenta a marca “Auga de Galicia”

enviar a un amigo
  • Contribuirá a diferenciar e darlle valor á orixe galega e ás virtudes da composición e calidade das nosas augas minerais e termais
  • Un vídeo, no que se destaca que en Galicia “a auga é industria, riqueza, emprego e alimento”, promocionará as augas galegas dentro e fóra da comunidade

 

O balneario Termas de Cuntis acolleu o 16 de marzo a presentación da marca “Auga de Galicia”. É unha iniciativa do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, que aglutina ás dúas asociacións empresariais galegas vencelladas á explotación do recurso: a Asociación de Balnearios de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin). A marca conta ademais co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O acto de presentación da marca estivo presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; acompañado do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces. Participaron tamén Álvaro García de Quevedo, vicepresidente do Clúster; Marisol Espiño, presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia e directora de Termas de Cuntis; Benigno Amor, xerente do Clúster e José Manuel García, vicepresidente de Agamin.

Dende o Clúster púxose de manifesto a importancia de contar cunha marca que aglutine e visibilice ás empresas de auga mineral e termal da comunidade. “Contribuirá a diferenciar e darlle valor á orixe galega e ás virtudes da composición e calidade das nosas augas minerais e termais, favorecendo ademais a súa promoción exterior”. Nesta liña, presentouse un vídeo promocional da marca “Auga de Galicia”, no que se salienta que en Galicia “a auga é industria, riqueza, emprego e alimento. Augas mineromedicinais cheas de vida e saúde”. E resaltouse que “a marca Auga de Galicia supón unha garantía e dá seguridade ao consumidor en relación á orixe galega das augas que consume, xa sexa en bebida ou en baño”.

O conselleiro declarou que “hai que apoiar un sector que xera 1.400 empregos na súa totalidade en Galicia e nestes momentos é unha referencia de calidade e prestixio. E a marca Auga de Galicia vai permitir incrementar o seu posicionamento dende o punto de vista dos mercados, tanto a nivel nacional como internacional. Esta dobre dimensión das augas, minerais e termais, a través da innovación e da internacionalización, posibilitará que o noso sector siga crecendo en empregos e facturación”.

Galicia conta co 15% dos mananciais que hai en España, o 10% das plantas de envasado de auga mineral natural e o 19% dos balnearios

Galicia é unha das rexións europeas con maior riqueza en augas minerais e termais e, en consecuencia, con maior tradición no seu uso como augas de bebida envasada e en balnearios. Este feito, unido á repercusión social e económica que nas últimas décadas están a ter as augas minerais e termais posibilitan que Galicia sexa considerada como a "Terra da Auga".

O número de mananciais existentes en Galicia é superior a 300 (algo máis de 2.000 en España), o que deu lugar a unha industria moi activa vencellada á explotación de augas minerais, con 10 plantas de envasado de auga mineral natural (100 en España) e 22 balnearios (115 en España). Unha particularidade destas industrias é que están a crear riqueza en zonas do interior de Galicia (na súa maior parte zonas rurais con tendencias similares: despoboación, baixa renda per cápita e presenza dunha estrutura produtiva con predominio do sector primario); xa que, polas características do recurso, non poden deslocalizarse e deben instalarse nos mesmos lugares de captación do acuífero.

Unha aplicación para smartphones que permite localizar os perímetros de protección dos acuíferos de augas minerais que existen en Galicia

Ademais da presentación da marca “Auga de Galicia”, no transcurso do acto deuse a coñecer a nova páxina web do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, xunto ás melloras na súa aplicación para teléfonos móbiles; resultado dun convenio asinado en 2017 entre o Clúster e a Consellería de Economía. No caso da web, incorporouse un novo aplicativo para a visualización de ortofotos aéreas e modelos en 3D realizados con drons, o que posibilita realizar comparativas entre fotografías aéreas de distintas épocas e facer visualizacións e diferentes tipos de consultas.

Pola súa parte, a aplicación renovada para smartphones “Auga de Galicia” está destinada á valoración e protección dos acuíferos das augas minerais de Galicia. Permite xeolocalizar os perímetros de protección dos diferentes acuíferos de augas minerais que existen en Galicia, de grande interese para planificadores do territorio e para as Administracións Públicas. Así mesmo, permite recibir información diversa sobre os titulares da concesión do acuífero, obter indicacións de como chegar aos mesmo.

Con esta proposta búscase “sensibilizar ás Administracións Públicas, ao sector empresarial, aos planificadores urbanísticos e á sociedade en xeral sobre a importancia de protexer os acuíferos de augas minerais e a contorna natural na que se sitúan as plantas envasadoras e os establecementos balnearios” -declarou o vicepresidente do Clúster-.

No transcurso do acto incidiuse no feito de que “esta iniciativa ten un gran potencial para difundir unha imaxe exterior da industria galega comprometida co desenvolvemento sostible, por canto balnearios e empresas de envasado de auga mineral natural están ofrecendo á sociedade un modelo de empresa sostible: axudan a mellorar a calidade de vida dos seus usuarios, non comprometen o futuro do recurso e dinamizan social e economicamente as comarcas nas que se atopan. Este é o modelo vixente na actualidade en Europa e co que están aliñadas as empresas do Clúster”.

Unha experiencia única en Europa que aglutina balnearios e augas envasadas de toda Galicia

O Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia constituíuse en 2011 impulsado por diversas asociacións e a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia. É unha experiencia única en Europa, xa que non existe ningunha que aglutine os balnearios e as empresas de augas envasadas.

Forman parte da Asociación de Balnearios de Galicia 19 establecementos termais. Na provincia da Coruña atópanse o de Carballo e o de Compostela (Brión). En Lugo Guitiriz, Augas Santas (Pantón) e Termas Romanas de Lugo. En Ourense están os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, O Carballiño e Caldas de Partovia (os dous no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse os de Acuña e Dávila (os dous en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e Mondariz.

Pola súa parte, Agamin conta con seis empresas asociadas: Fontecelta e Aguas de Cospeito (Fontoira), na provincia de Lugo; Aguas de Cabreiroá e Sousas, na provincia de Ourense; e Agua Sana e San Xinés na de Pontevedra. 

17/03/2018 ir arriba
COMENTARIOS
Añadir nuevo comentario como [conectarse]
0 Caracteres escritos / Restan 1000
Esta web no se hace responsable de los comentarios escritos por los usuarios. El usuario es responsable y titular de las opiniones vertidas. Si encuentra algún contenido erróneo u ofensivo, por favor, comuníquenoslo mediante el formulario de contacto para que podamos subsanarlo.
ir arriba

Novas
Información
Lexislación / Normativa
Documentación
Servizos
Actividades / Eventos
Ligazóns
Construcciones Hermanos Carrajo, S.A.
Construcciones Hermanos Carrajo, S.A.
Banner censo minero Queixas, suxestions, parabens

Cámara Oficial Mineira de Galicia CIF: Q1570001F Juan Flórez 33-35, entlo. esq. 15004 A Coruña - Desarrolla Luis Galán
v02.15:0.06
GestionMax
Novidades   Contacto   Política privacidade   Aviso legal   Buscador   Mapa web