Certificado Tejas Verea

Tellas Verea recibe a certificación de Xestión Mineira Sostible

A empresa Tezas Verea acaba de obter a certificación de Xestión Mineira Sostible GMS-2022/0001 outorgada por AENOR, como recoñecemento da conformidade do seu sistema de xestión coa norma UNE 22480:2019.

Luís Verea, director xeral da empresa, recibiu o certificado de mans de José Rodríguez Coello, director de AENOR en Galicia, nun acto celebrado nas instalacións da empresa en Mesía (A Coruña).

Juan José López Muñoz e Miguel Ángel Fortúnez, presidente e director da Cámara Oficial Mineira de Galicia, participaron no acto de entrega. A COMG impulsa e promociona desde hai anos a implantación desta norma nas empresas extractivas galegas para continuar avanzando cara á sustentabilidade e a excelencia empresarial.

O sistema de xestión aplicado por Tellas Verea garante unha maior sustentabilidade da súa actividade extractiva. A norma UNE 22480:2019 permite facer un seguimento, por medio de indicadores, de parámetros de tipo económico, social e ambiental na actividade industrial.

A certificación obtida recoñece desta forma aspectos como a implicación de Tellas Verea coa súa contorna e a súa conexión coa comarca, a través da xeración de riqueza na zona, creación de emprego local e o respecto polo medio.

Cada día son máis as empresas extractivas galegas en obter as normas UNE renovadas en 2019, o que converte a Galicia na comunidade española con máis certificacións obtidas. Unha mostra da unión do sector na procura da excelencia en termos de sustentabilidade e eficiencia.