Simposio mujer minería

Santiago celebra o II Simposio Muller e Minaría

Os 16 e 17 de xuño celebrouse na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a segunda edición do simposio nacional Muller e Minaría. Dúas xornadas desenvolvidas a través de relatorios e mesas redondas, e que tiveron como obxectivo recoñecer e potenciar o papel da muller no sector nos diferentes ámbitos da industria extractiva.

O evento foi organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia, coa colaboración da Cámara Oficial Mineira de Galicia e a plataforma Minaría Sostible de Galicia; co patrocinio da Xunta de Galicia.

O simposio contou coa participación e presenza de mulleres profesionais destacadas, así como coa intervención de representantes políticos da Xunta de Galicia.

Segundo o decano do Colexio Oficial, Juan Carlos Morán do Pozo, a meta é destacar a evolución laboral feminina no sector mineiro, que “a pesar da súa discreta inclusión en áreas de produción, si mellorou cotas de inserción en departamentos técnicos e administrativos.”

O II Simposio de Muller e Minaría contou coa presenza de mulleres destacadas da minaría do noso país. Entre elas, a primeira directora facultativa de España, Concha Casado Sulé (León); a directora da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía de Vigo, Elena Alonso Priego e a presidenta da Asociación Women in Mining Spain, Luz Cerdeira (Huelva).

Tamén participaron emprendedoras do sector, representantes de importantes empresas mineiras e consultoras, así como estudantes, traballadoras da Administración e operarias que compartiron as súas experiencias en formato de relatorios e mesas redondas. Así mesmo, a letrada do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía, Concepción Jiménez Shaw, tivo a ocasión de analizar a evolución social e xurídica da muller no sector mineiro.

O evento contou con presenza institucional da Xunta de Galicia, a través da asistencia do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Emprego e Innovación, Francisco Conde; a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha; o nuevo Director Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández; e a subdirectora de Recursos Minerais, María Coutinho.

O evento foi clausurado por José Luis Leandro, presidente do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía, co compromiso de comezar a traballar na terceira edición deste simposio.