RIS3 Retos Galicia

RIS3 Galicia: os retos para 2021-2027

Máis de 250 persoas participaron no II Foro da RIS3 Galicia, que supuxo o peche do proceso participativo de elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027.

A RIS3 será a folla de roteiro que guiará a innovación galega nos próximos anos. A sustentabilidade, a dixitalización e a orientación dos esforzos da investigación e da innovación son as tres grandes prioridades da especialización da RIS3 Galicia, unha estratexia que asegurou o seu carácter transversal despois dun amplo proceso participativo con preto de 800 achegas do ecosistema galego de I+D+i.

Os principais protagonistas do evento foron os representantes das cadeas de valor que colaboraron na elaboración da RIS3, que relataron a súa experiencia no proceso participativo e achegaron a súa visión. Tamén o público asistente participou de forma activa nesta fase final do proceso de elaboración da Estratexia, achegando a súa opinión nun espazo interactivo.

O presidente, Juan José López; e o director, Miguel Fortúnez, da Cámara Oficial Mineira de Galicia asistiron a este II Foro. E desde a COMG lamentan, que o GAIN non tivese en consideración a ningún representante do sector extractivo nos diversos talleres da RIS3, e confían en que sexa tido en conta en futuras actividades ao tratarse dunha base da economía circular e das cadeas de valor galegas.

Retos prioridades e desafíos

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, detallou neste II Foro o contexto e os elementos diferenciais da Estratexia 2021-2027. A directora relatou o proceso de deseño e explicou os obxectivos, os programas, os resultados esperados e os grandes desafíos da RIS3 Galicia.

Podes consultar a presentación de Patricia Argerey nesta ligazón.