Cerámica Campo

Refractarios Campo celebrou o acto de entrega das certificacións UNE 22480 e ISO 14001

Refractarios Campo (pertencente a Cerámica Campo) celebrou a semana pasada un acto nas súas instalacións de Vilalonga (Sanxenxo) para divulgar a obtención das certificacións UNE 22480 (Sistema de xestión mineiro- mineralúrgica-metalúrxica sostible) e ISO 14001 (Sistema de xestión ambiental). Ambas as certificacións reforzan o compromiso co medioambiente do grupo.

“Cerámica Campo pode ser un exemplo tractor para o resto das empresas da minaría, que deben seguir traballando no ámbito da sustentabilidade”, declarou Paula Uría, Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia. Pola súa banda, a Subdirectora Xeral de Recursos Minerais, María Coutinho, apuntou que “a administración ten un convenio de colaboración coa COMG para impulsar a implantación deste sistema de xestión entre as empresas extractivas”.

Mentres que o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, engadiu que: “Unha empresa que ten esta proxección internacional e que xera 50 postos de traballo na área de Sanxenxo é mostra de que se están facendo as cousas ben”.

O CEO de Cerámica Campo, Jacobo Campo, afirmou que “do mesmo xeito que esta instalación, a maioría das fábricas de España están en Rede Natura 2000, un exemplo de como industria e medioambiente poden convivir”. Jacobo Campo aproveitou ademais para agradecer ao equipo de Refractarios o seu labor diario que se traduce na obtención destas certificacións. Pola súa banda, o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan José López, remarcou que “as novas certificacións fan a Refractarios Campo unha empresa confiable, tanto coa sociedade, como co medio ambiente, o concello e o sector mineiro”.

Na xornada tamén participaron Juan José López, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia; e Miguel Fortúnez, director da entidade. Ambos insistiron na necesidade de materializar a eficiencia e sustentabilidade do sector mineiro galego nestas certificacións e en transparentar as boas prácticas da industria.

Os asistentes puideron coñecer ademais as instalacións de Refractarios Campo a través dunha visita guiada polas instalacións.