Publicado o plan de axudas da Consellería de Economía para 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de anunciar os programas de axudas e servizos en materia de promoción económica, innovación, enerxía, comercio e artesanía que ten previsto convocar neste 2019.

Dado o elevado número de liñas de subvención que oferta a Consellería, incluíndo tamén as do IGAPE e GAIN, elaboraron unhas guías resumen -Mapas de Apoios- por ámbito de actuación onde se recolle quen poden ser os beneficiarios e os prazos de convocatoria:

Mapa de Apoios de Enerxía

A convocatoria de todas as iniciativas deste ámbito está prevista para o primeiro trimestre do ano.

O sector mineiro conta cun programa propio, o de Fomento da Minería, que está formado unicamente polas axudas a entidades sen ánimo de lucro para mellorar as prácticas do sector mineiro no ámbito ambiental e laboral. Neste 2019 estará dotado, do mesmo xeito que o ano anterior, cun millón de euros de orzamento.

Tamén no programa Seguridade Ambiental e Saúde Laboral está prevista unha liña de axudas para a loita contra o po do sector mineiro, dirixidas a empresas privadas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria conta este ano con catro liñas de axudas cun importe de 16,1 millóns de euros para favorecer a eficiencia enerxética en todos os ámbitos da sociedade: no campo industrial, nas administracións públicas e nos fogares. Trátanse de apoios para impulsar o desenvolvemento de proxectos vinculados á biomasa, aerotermia, geotermia e á enerxía fotovoltaica para facilitar o seu investimento. Tamén contemplan a realización de auditorías enerxéticas e a implantación de sistemas de xestión para autónomos e empresas.

Outras das actuacións previstas son axudas a entidades locais para a mellora de infraestruturas nos parques empresariais, e para creación de viveiros industriais; e o bono eléctrico para consumidores vulnerables en risco de exclusión social.