jose-luis-comg

Preséntase a ‘Guía de Boas Prácticas para a Integración Paisaxística dás Actividades Extractivas’

Esta semana presentouse en Santiago de Compostela a ‘Guía de Boas Prácticas para a Integración Paisaxística dás Actividades Extractivas’, que supón o noveno dos dez títulos da Colección do Paisaxe Galego e estará dispoñible de forma gratuíta na web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Esta guía é unha ferramenta útil para continuar desenvolvendo unha minería sostible en Galicia. Trátase dun documento práctico que nace do convenio de colaboración asinado hai dous anos pola Cámara Mineira de Galicia coa Consellería de Economía, Industria e Emprego; a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do Instituto de Estudos do Territorio; e a Universidade de Vigo.

A guía foi presentada no Hotel Oca Porta do Camiño por Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; José Lista Tasende, presidente da COMG; e Javier Taboada, catedrático da Univesidade de Vigo.

José Lista Tasende foi o encargado da apertura da presentación. “Do mesmo xeito que o resto de actividades primarias, a minería é unha actividade estreitamente ligada ao territorio, que fixa poboación en zonas rurais. Polo que a sustentabilidade e o respecto polos valores naturais, paisaxísticos e socioeconómicos son condicións inherentes a ela“, afirmou José Lista. O presidente da Cámara fixo ademais fincapé na necesidade de protexer e aproveitar os recursos cos que contamos en Galicia, “a riqueza paisaxística de Galicia constitúe un ben ecolóxico, cultural, económico e social. Pero Galicia tamén é rica no seu subsolo, con minerais e rocas que usamos na nosa vida cotiá e que hoxe máis que nunca se posicionan como estratéxicos para a recuperación económica“, sinalou.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez remarcou que en Galicia hai “fantásticos exemplos de como a actividade extractiva pode ser compatible coa paisaxe“. Así, avoga pola “minería de transferencia”, de forma que cando se abra un oco hai que “ir pechando o anterior”.

O catedrático da Universidade de Vigo e xefe do equipo redactor da guía, Javier Taboada, foi  o encargado de debullar estas recomendacións e as partes máis técnicas do contido do documento, que pasan, entre outras cuestións, por establecer os vertedoiros nas partes nas que sexan menos visibles, situalas na ladeira “oculta” das montañas ou facer explotacións subterráneas.

Trátase dun valioso manual técnico que propón criterios que fan compatible o aproveitamento dos recursos mineiros e a protección dos valores paisaxísticos do medio ambiente e do territorio.

A guía tamén recolle exemplos e solucións xa empregadas nas explotacións mineiras e extractivas, fundamentalmente a nivel autonómico.

.