Presentadas as alegacións da COMG ao Proxecto de Orden polo que se aproba a ITC 02.0.02 “Protección dos traballadores contra o risco por inhalación de po”

A Cámara Oficial Mineira de Galicia acaba de presentar as súas alegacións ao Proxecto de Orde polo que se aproba a instrución técnica complementaria 02.0.02 “Protección dos traballadores contra o risco por inhalación de po” do Regulamento Xeral de Normas Básicas de Seguridade Mineira.

O obxectivo desta Instrución Técnica Complementaria é a mellora da prevención da silicose nas industrias extractivas, polo que quedarían derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde, especificamente a Instrución técnica complementaria 07.1.04, aprobada por Orde do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, do 16 de outubro de 1991.

Entre as alegacións presentadas tócanse os seguintes puntos :

Identificación e prevención de riscos:

  • Alégase que a periodicidade da revisión da avaliación de riscos debe ser pactada cos representantes dos traballadores e que en todo caso, debe levarse a cabo cando se detecten alteracións da saúde dos traballadores que poidan deberse á exposición a axentes canceríxenos, ou cando o resultado dos controis periódicos poña de manifesto os posibles fallos. Eliminando desta forma o prazo de 3 anos establecido na devandita orde.
  • Proponse eliminar a esixencia de que “O persoal que realice a toma de mostras permanecerá presente mentres dure a mostraxe”, xa que é competencia do Director Facultativo determinar se as actuacións realizadas durante a toma de mostras son representativas ou non.

Prevención e redución da exposición

  • Aconséllase suprimir a expresión “En todo caso, o empresario garantirá que o nivel de exposición dos traballadores se reduza a un valor tan baixo como tecnicamente sexa posible”,  debido á súa ambigüidade.
  • Proponse matizar a redacción “Sempre que teñan lugar traballos susceptibles de xerar po respirable de sílice cristalina, ou os traballadores poidan estar expostos ao mesmo” por “Sempre que no posto de traballo se utilice un axente canceríxeno que determine un risco para a seguridade e saúde dos traballadores por exposición ao mesmo”, para marcar a diferenza entre traballos susceptibles de xerar po respirable e que os traballadores poidan estar expostos ao mesmo.

Vixilancia da saúde:

  • Debe outorgarse a seguridade xurídica ao empresario de coñecer os datos dos éxamenes de saúde para poder levar a cabo a vixilancia da saúde dos traballadores. Por iso, proponse a inclusión deste dereito, sen que este vulnere o correcto tratamento dos datos dos traballadores.

Información ás Autoridades Mineiras e ao Instituto Nacional de Silicose

  • En base ao sinalado na anterior alegación de non regularse o tratamento dos datos de saúde dos traballadores por parte dos empresarios, non se pode esixir a notificación dos casos detectados de enfermidades profesionais derivadas da exposición ao po de sílice cristalina respirable, polo que en todo caso esta comunicación quedaría a cargo das mutuas.