Foto de grupo-pocasa

Os labores de rehabilitación da canteira de Ferro culminan coa plantación de 1000 árbores

Esta mañá Juan de Dios Martín Aparicio, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, asistiu ao comezo dos labores de reforestación da canteira de Ferro (O Porriño, Pontevedra). Trátase dunha plantación dun milleiro de piñeiros que poñerá o broche a unha das rehabilitacións mineiras máis importantes de Europa.

Pocasa, a empresa porriñesa de canteiras, levou a cabo os labores de explotación desta canteira de Rosa Porriño desde mediados do século XX ata o 2010. Tras finalizar a actividade, a empresa puxo en marcha o plan de rehabilitación para restaurar unha paisaxe formada por noiros de 50 metros de altura. En 2012 iniciáronse os traballos para encher o oco mineiro, para iso apostouse pola reciclaxe de terras e materiais procedentes de obras públicas e de fábricas de granito da zona.

Agora o proceso de rehabilitación culmina coa reforestación do espazo, onde colaboran dúas entidades veciñas: Aceesca, a Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual, e o Centro Juan María. Ambas contan cun módulo de formación Dual para persoas con diversidade funcional, polo que 10 profesionais adscritos a eses módulos serán os que acometan os traballos de xardinería e reforestación de toda a superficie.

Durante o acto celebrado esta mañá tamén estiveron presentes a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre; o secretario xeral do Clúster do Granito, José Ángel Lorenzo; o xefe Territorial de Industria e Traballo de Pontevedra, Ignacio Rial Santomé ; e o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez.