Os áridos galegos exportan tecnoloxía

  • A partir do próximo mes de abril faise obrigatoria a xestión da trazabilidade dos explosivos con fins civís.
  • Están a atenderse peticións desde toda a xeografía española
Debido á próxima entrada en vigor da nova directiva europea de trazabilidad de explosivos con fins civís, en abril de 2015, desde o pasado verán a Asociación Galega de Áridos vén desenvolvendo unha solución integral para o cumprimento de dicha directiva, denominada ATRAZEX. Dita solución foi deseñada e desenvolta polos técnicos da asociación, así como das súas empresas membro. Xa nos primeiros meses do proxecto incorporouse ao mesmo a asociación homóloga catalá, Gremi d´ Arids, aumentado así a especificidade do sistema para as actividades extractivas, así como a flexibilidade do sistema polas características de cada comunidade autónoma.
O pasado 11 de marzo celebrouse a xornada de formación e implantación do sistema nas últimas explotacións pendentes de Galicia, alcanzado así o centenar de centros de traballo que empregarán devandito sistema. Igualmente, durante o que vai de ano recibíronse solicitudes de demostración e emprego do sistema desde múltiples puntos de toda a xeografía española, destacando as últimas demostracións efectuadas, o pasado 26 de febreiro nas instalacións de SOLVAY QUIMICA S. L., en Cantabria, para un grupo de membros da Cámara Mineira de Cantabria, e en Sitges o 6 de marzo, nas instalacións de Cementos Uniland (Grupo Portland), para membros do Gremi d´ Arids.
Proximamente efectuaranse demostracións en Ávila, Murcia, Sevilla e na zona de levante. En todas estas demostracións de campo, está a quedar patente o perfecto funcionamento da solución desenvolta, recibindo as suxestións e opinións dos técnicos presentes, sendo incorporadas algunha delas ao sistema.

Desta forma, a Asociación Galega de Áridos mantén a súa firme aposta pola mellora das condicións de traballo nos centros de traballo do sector, sendo neste caso unha aposta polo incremento da seguridade cidadá, no manexo e emprego dos explosivos con fins civís.