Funicular Valga

O funicular de Valga obtén o recoñecemento de patrimonio cultural

A liña aérea de vagonetas mediante a que se transportaban arxila e outros produtos da desaparecida empresa Novo e Sierra, en Valga (Pontevedra), converteuse en Ben de Interese Cultural (BIC) de Galicia.

Segundo a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, esta declaración implicará a máxima protección do funicular de transporte aéreo de materiais situado na parroquia de Santa Cristina de Campaña, impulsando ademais o turismo da zona a través destes elementos singulares que forman parte do patrimonio mineiro e industrial. Este recoñecemento supón un gran avance na preservación e promoción deste elemento que o goberno local pretende recuperar con fins turísticos.

Os elementos que conforman este BIC son sete torres e unha zona de embarcadoiro. Das torres, catro consérvanse intactas e teñen unha altura que chega aos sete metros. Segundo o sistema alemán Bleichert, estas permitían a circulación cerrada de ida e volta, combinando a suspensión e o percorrido por carrís de vagonetas capaces de transportar máis de 300kg.

O uso de sistemas de suspensión supuña unha tecnoloxía avanzada para a época e permitía situar a Novo e Sierra nunha privilexiada posición no momento de competir con outras industrias, xa que aceleraba o proceso de transporte e manexaba un maior volume de mercadoría, o cal permitía dar unha resposta rápida aos requirimentos de material de construción relacionados cos primeiros desenvolvementos urbanos de Galicia.

Mentres que, na zona de embarcadoiro, é onde se instalará un pantalán para embarcacións de recreo proxectado polo Concello e a Xunta para atraer turistas á localidade, propiciando o seu traslado desde o Ulla cara á lagoa de Mina Mercedes grazas ás recuperadas vagonetas.

Cabe destacar que a actividade de extracción e elaboración de material cerámico xa cesou na zona, pero os ámbitos extractivos na actualidade están en proceso de reintegración ambiental e constitúen espazos de valor natural e paisaxístico.

É isto o que leva ao Concello de Valga a dicir que “para adoptar esta decisión, a Xunta tivo en conta a excepcional singularidade da antiga liña de vagonetas, xa que permite transmitir como era o funcionamento das explotacións mineiras da época”.