Congreso de Áridos

O Congreso Nacional de Áridos pecha con éxito a súa VI edición

Oviedo foi o lugar escollido para celebrar a sexta edición do Congreso Nacional de Áridos, organizado pola Federación de Áridos (FDA), unha cita que reuniu preto de 800 congresistas provenientes de case quince países no Palacio de Congresos.

A inauguración oficial correu a cargo da secretaria de Estado de Enerxía do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), Sara Aagesen; o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón; o tenente de alcalde de Oviedo, Ignacio Custa Areces, quen acompañaron ao presidente da Federación de Áridos, Ramón Ruberte Auré; ao presidente do Comité Científico da Asociación Nacional de Empresarios Fabricantes de Áridos (Anefa), José Luis Parra e Alfaro, así como ao presidente da Asociación de Fabricantes de Áridos do Principado de Asturias, Afapa, Miguel Alonso.

A secretaria de Estado destacou que en España operan máis 1.500 canteiras e graveiras, principalmente pemes arraigadas nos seus territorios, nos que crean riqueza e, á vez, fixando poboación en zonas que forman parte da denominada ‘España baleirada’. Aagesen avogou por afianzar o triángulo formado polo sector empresarial, os territorios e as administracións.

Mentres que o director xeral da FDA, César Luaces, presentou o Plan Estratéxico de Áridos 2030, que consta de seis eixos, 33 liñas de actuación e 150 accións.

O evento de tres días de duración logrou o patrocinio de 47 empresas, a colaboración doutras 47 e a participación de cincuenta corporacións na exposición comercial. Unhas xornadas que estiveron marcadas por unha gran cantidade de relatorios e mesas redondas, onde os conceptos máis mencionados foron a sustentabilidade e a economía circular, así como o mantemento da rendibilidade fronte á subida dos custos da enerxía.

A gran data nacional do sector dos áridos foi aproveitada tamén para presentar de forma oficial a Fundación Minería y Vida, entidade que representa aos intereses do sector mineiro en España e cuxa meta será realizar actuacións que melloren a compatibilidade da industria das materias primas co progreso sostible económico e social, así como impulsar o coñecemento desta industria, fomentando a transparencia mediante iniciativas de divulgación.

Tamén houbo espazo para Woman in Mining, que celebrou o acto ‘El futuro se escribe con M’. No que se presentou o labor desta asociación internacional que loita por fomentar o emprego, a permanencia e o progreso das mulleres na minaría en particular e na industria en xeral.

Arigal, a gran representante de Galicia no congreso

A Asociación Galega de Áridos (Arigal), que representa ao sector galego dos áridos, con 52 empresas asociadas e 24 adheridas, colaborou na organización do congreso. Ademais, para a coñecer a asociación, na zona de exposición mostrou aos visitantes as accións levadas a cabo nos últimos anos; como proxectos de divulgación para nenos e para a sociedade en xeral, ou Atrazex, unha iniciativa de I+D+i para garantir a trazabilidade dos explosivos nas voaduras.

Mentres que a transparencia do sector e a seguridade en canteiras foron os temas escollidos polo director de Arigal, Aitor Puente, no tres relatorios que ofreceu durante estes días.

Como broche final, unha das empresas asociadas, Prebetong Áridos, resultou ser unha das galardoadas pola súa canteira en Couso (Pontevedra) durante os premios de Desenvolvemento Sostible.