8

O Colexio de Xeólogos subliña o potencial da profesión en Galicia para o aproveitamento de recursos enerxéticos xeotérmicos e minerais críticos

A delegación do Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos (ICOG) en Galicia presentou unha proposta, dirixida aos representantes políticos galegos, que inclúe 23 medidas destinadas a subliñar a importancia da profesión xeolóxica na sociedade. O obxectivo é aproveitar o máximo posible o coñecemento existente nesta materia para o progreso económico, social e ambiental da comunidade. Tamén se busca equiparar o recoñecemento da profesión do xeólogo en España, e en especial en Galicia, á que ten noutros países da súa contorna.

Algúns dos aspectos nos que poñen o foco as medidas propostas pola delegación do Colexio de Xeólogos en Galicia son:

  • Desenvolvemento dunha política xeolóxica propia, convidando aos partidos galegos a incluír propostas vinculadas a esta ciencia natural nos seus programas electorais.
  • Creación dun Servizo Xeolóxico que opere con alta capacidade de xestión sobre os recursos naturais e o urbanismo.
  • Recoñecemento da importancia da xeoloxía na caracterización de fondos mariños, a ordenación territorial e a avaliación de riscos costeiros e marítimos.
  • Investigación no campo do radon, especialmente nas áreas graníticas de Galicia, para previr posibles impactos negativos na saúde pública.
  • Creación dunha rede de protección do Patrimonio Xeolóxico, “Geonatura”, que inclúa os Xeoparques declarados pola UNESCO en Galicia, referentes do turismo de natureza.

A proposta do ICOG busca visibilizar o potencial de Galicia no panorama xeolóxico para o aproveitamento de recursos enerxéticos geotérmicos, renovables e minerais críticos. Ademais, subliña a importancia de promover o compromiso internacional contra o cambio climático, a transición cara a enerxías limpas e a adaptación á nova lexislación europea sobre minaría.