O Censo Catastral Mineiro permitirá unha planificación máis eficaz e sustentable de sector

  • A Consellería promove a innovación e a mellora competitiva da minería para poñer en valor os importantes recursos minerais que ten Galicia
  • O obxectivo da Xunta é impulsar a creación de empregos e a atracción de investimentos para o sector, que dá traballo de forma directa a máis de 8.500 persoas
  • O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, e o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Francisco Aréchaga, presentaron a aplicación informática, que mostra de forma áxil e eficiente a situación xeográfica e administrativa dos dereitos mineiros

A Consellería de Economía e Industria e a Cámara Oficial Mineira de Galicia presentaron o 9 de marzo de 2012 o Censo Catastral Mineiro, unha aplicación web que permitirá unha planificación máis eficaz e sustentable do sector, ao mostrar de forma rápida e eficiente a situación xeográfica e administrativa dos dereitos mineiros. Isto permitirá axilizar a súa tramitación e xestión e o aproveitamento ordenado dos recursos minerais da comunidade.

O director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces, e o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Francisco Aréchaga, foron os encargados de presentar esta iniciativa, que supón, en palabras do director xeral, “un importante paso para a reactivación e o desenvolvemento sustentable da minería galega”. “Esta ferramenta evitará problemas á hora de planificar grandes infraestruturas”, recoñeceu Tahoces, “permitindo a análise concreta de cada caso e a avaliación dos factores económicos, sociais e ambientais”. Tahoces destacou que a Consellería de Economía e Industria traballa para poñer en valor os importantes recursos minerais cos que conta Galicia e así contribuír á creación de empregos e á atracción de investimentos únaa actividade que nestes momentos emprega de forma directa a 8.500 persoas na comunidade

Na súa intervención, Francisco Aréchaga destacou a relevancia desta “plataforma informática moderna e eficaz” que, ademais de simplificarlle o traballo ao sector, serve para “transmitirlles aos axentes que demandan chan onde está o sector mineiro”. Trátase, segundo Aréchaga, dunha ferramenta novidosa en España que vai favorecer o aproveitamento e compatibilización dos recursos minerais e ambientais, tal e como recomendan as directivas europeas e defende o sector mineiro galego. Nesta liña, o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia insistiu na necesidade dun “aproveitamento racional dos recursos, incluídos os mineiros”.

 

A ordenación e planificación dos dereitos mineiros, ao redor de 1.200 en vigor, é tamén una das liñas estratéxicas de traballo da Consellería de Economía e Industria, para a que, tal e como destacou o director xeral de Industria, “o Censo Catastral Mineiro será de enorme utilidade e permitirá situar a Galicia na vangarda”.
“Traballamos a favor dunha minería comprometida medioambientalmente e para que o aproveitamento desta riqueza natural beneficie á sociedade”, asegurou o director xeral, que destacou que “na Consellería de Economía e Industria temos a certeza de que na minería galega aínda quedan moitas potencialidades por desenvolver, a pesar de que xa ten unha posición de liderado que lle permite vender os seus produtos en todo o mundo”.
O sector, que tivo unha produción global de preto de 500 millóns en 2010, converte a Galicia en líder mundial na produción de lousa, producindo máis do 45% da lousa mundial para cubertas. Ademais, a industria galega do granito é a segunda máis importante de Europa e a cuarta do mundo, e Galicia é a primeira comunidade en balnearios, con preto do 20% da oferta e máis de trescentas captacións de augas minerais e termais catalogadas. Francisco Aréchaga agradeceu a presenza dunha ampla representación do sector no acto de presentación do Censo Catastral Mineiro de Galicia, así como a colaboración da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas na recompilación dos datos precisos para a posta en marcha da nova plataforma.
Unha ferramenta eficaz O Censo Catastral Mineiro, impulsado por Economía e Industria e desenvolto pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, está dispoñible na dirección web censomineiro. org. A información recollida nesta aplicación, en constante actualización e revisión, facilitará o traballo das administracións públicas e das empresas, ao permitir ter en conta desde o primeiro momento á hora de tramitar e xestionar os dereitos mineiros información relativa aos usos do chan, ordenación do territorio e zonas de protección ambiental.