Mina Mercedes renace como espazo lúdico

A lagoa natural creada no antigo oco da Mina Mercedes, situada no concello pontevedrés de Valga, converteuse nun coto de pesca sen morte, segundo resolveu a Dirección Xeral de Conservación da Natureza. A este respecto, a Cámara Oficial Mineira de Galicia congratúlase de que Galicia dispoña dun exemplo máis de recuperación dun espazo mineiro en beneficio da biodiversidade e da sociedade.

Segundo a resolución da Xunta, neste novo coto de pesca capturarase como especie principal a troita arco iris, utilizando unicamente mosca artificial e culleriña cun só anzol e sen arponcito. Autorízase unha soa cana por pescador e non se concederán máis de 15 permisos de pesca diarios nas xornadas hábiles establecidas na orde anual de pesca continental. O coto de pesca dispón de catro tramos que suman 799 metros.

Hai que destacar que as persoas menores de 16 anos ou maiores de 65, así como as que teñan discapacidade, terán prioridade na adxudicación dos permisos de pesca. Ademais, a lagoa poderá ser utilizada en calquera época do ano para actividades de escolas de pesca, coa autorización do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra.

A celebración do I Salón PescaValga, o pasado marzo, supuxo a exitosa estrea de Mina Mercedes como coto de pesca. Na lagoa soltáronse máis de 2.000 exemplares de troita e estudarase a posibilidade de sumar outras especies autóctonas. Trátase así de avanzar na aposta que fixo o concello de Valga co apoio da Xunta de Galicia para poñer en valor este antigo espazo mineiro a favor dunha mellor calidade de vida dos veciños.

Espazo Natural

Deste xeito, Mina Mercedes renace como espazo lúdico, engadíndolle un novo uso ao que xa tiña como lugar de lecer integrado nas rutas naturais do concello de Valga. A lagoa, de case 4 hectáreas, ofrécelles aos visitantes un paseo circundante de preto de 900 metros, en gran parte arborizado, con iluminación, áreas de descanso e diversos miradoiros, ademais dun aparcadoiro.
Na antiga explotación mineira pode contemplarse en que medida a biodiversidade beneficiouse da formación deste ecosistema lacustre de gran valor natural, con vexetación de ribeira e unha variada avifauna que, de maneira temporal ou permanente, establécese neste hábitat.
Mina Mercedes sitúase no lugar da Torre, na parroquia de Campaña, á beira da estrada que vai de Pontecesures a Vilagarcía de Arousa. Trátase dunha antiga explotación ao descuberto da que se extraían arxilas para a elaboración de materiais de construción nas fábricas próximas. Ao finalizar a actividade extractiva, a finais do século XX, as augas subterráneas e a choiva comezaron a asolagar a superficie escavada ata configurar o seu aspecto actual.