Instrución informativa 5/2010 sobre aproveitamento de recursos xeotérmicos en Galicia

Instrución informativa 5/2010, do 20 de xullo, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, relativa aos aproveitamentos de recursos geotérmicos na Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, correspóndelle á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de minas.
A Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia, constitúe a lexislación propia da Comunidade Autónoma en materia de minas e desenvolve o réxime xurídico das actividades mineiras, da investigación e do aproveitamento dos xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos no noso territorio, calquera que foren a súa orixe e estado físico.
Esta lexislación, tal como recóllese na súa exposición de motivos, respecta o concepto de técnica mineira e o establecemento dos criterios de clasificación dos xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos contidos na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, modificada pola Lei 54/1980, do 5 de novembro, de modificación da Lei de minas, con especial atención aos recursos minerais enerxéticos. A forma e condicións de acceso á investigación e aproveitamento dos recursos xeolóxicos dependen da sección na que se clasifiquen, segundo a cal se produce ben por autorización ou ben por concesión administrativa.
Unicamente quedan excluídos do ámbito de aplicación da lexislación mineira a extracción ocasional e de escasa importancia de recursos minerais, calquera que sexa a súa clasificación, sempre que leve a cabo polo propietario e non esixa a aplicación de técnica mineira algunha. A lexislación mineira entende necesaria a aplicación de técnica mineira en todos os traballos de investigación e aproveitamento de recursos minerais que se executen mediante labores subterráneos, calquera que sexa a súa importancia, e en todos os que se realicen en relación cos recursos geotérmicos.
En canto á clasificación dos recursos, é preciso sinalar que na Lei 54/1980, do 5 de novembro, de modificación da Lei de minas, con especial atención aos recursos minerais enerxéticos, maniféstase que os recursos geotérmicos son constitutivos da sección D).
Iso obedece ao seu interese enerxético, podendo ser obxecto de permisos de exploración, permisos de investigación e concesión de explotación. Non obstante o anterior, na sección A) da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, inclúense os xacementos minerais e demais recursos xeolóxicos de escaso valor económico e comercialización xeográfica restrinxida, estando definidos os criterios para configurar a devandita sección no Real decreto 107/1995, do 27 de xaneiro, polo que se fixan os criterios de valoración para configurar a sección A) da Lei de minas.
Tanto neste Real decreto como nos anteriormente aprobados co mesmo fin, ponse de manifesto que o concepto “escaso valor económico” previsto polo lexislador non se refire unicamente ao escaso valor económico do xacemento obxectivamente considerado, ben polo reducido valor dos recursos aproveitados ou pola pouca cantidade aproveitable, senón tamén á forma e intensidade con que se proxecta a explotación.
Doutra banda, as regras xerais mínimas a que se suxeitarán as explotacións de recursos geotérmicos están no Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira e nas súas instrucións técnicas complementarias ITC MIE SM 06.0.01 «Prescricións xerais», ITC MIE SM 06.0.03 «Execución de sondaxes con torre» e ITC MIE SM 06.0.06 «Aproveitamentos de recursos geotérmicos». Esta última instrución regula todas as explotacións de recursos geotérmicos, tanto da calor natural da terra presente no subsolo, como de todos os minerais en solución a partir de fluídos quentes, gases, vapores e salmoiras, en calquera forma en que se atopen no subsolo. As instrucións complementarias do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira son de aplicación subsidiaria, como dereito supletorio por falta de desenvolvemento regulamentario propio e en caso de lagoa ou insuficiencia na regulación propia. A cada vez máis frecuente utilización dos recursos geotérmicos en instalacións cuxa finalidade é a de dotar aos edificios de servizos de calefacción e climatización doméstica ou industrial e/ou auga quente sanitaria (ACS) puxo de manifesto a problemática que se expón en relación ao réxime xurídico aplicable ao seu aproveitamento.
É por iso que, con independencia das licenzas e permisos que corresponda outorgar ás corporacións locais e da tramitación administrativa que, segundo as características da instalación, establécese na lexislación vixente para as instalacións térmicas domésticas ou de uso industrial, faise necesario ditar a presente instrución, co fin de clarificar a forma de acceso ao aproveitamento deste tipo de recursos xeolóxicos.
Con esta finalidade e en atención a simplificar e alixeirar a tramitación administrativa dos expedientes que se xeren, a presente instrución sinala o procedemento para seguir así como a documentación necesaria para que a Administración mineira autonómica considere acreditado o dereito ao aproveitamento desta clase de recursos e, consecuentemente, expida o título administrativo no que se reflicta o recoñecemento ao mesmo.
1. Natureza da instrución.
A presente instrución informativa ten natureza de instrución ou orde de servizo ditada ao amparo do disposto polo artigo 21 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de obrigado cumprimento para os órganos e unidades administrativas da Consellería de Economía e Industria con competencias en materia de minas. Aínda que non ten os efectos propios dunha norma xurídica, considérase conveniente a súa publicación para xeral coñecemento dos criterios seguidos pola Consellería de Economía e Industria en relación ao acceso ao aproveitamento dos recursos geotérmicos, en particular os de escaso valor económico e comercialización xeográfica restrinxida, aos que se lles dá utilidade en calefacción e climatización doméstica ou industrial e/ou ACS. A instrución circunscríbese en exclusiva ao ámbito das competencias deste departamento, sen prexuízo das competencias doutra orde que afecten os aproveitamentos desta clase de recursos geotérmicos e instalacións para a súa utilización e que correspondan exercer a outras consellerías e organismos públicos ou á Administración municipal.
2. Obxecto da instrución.
Esta instrución ten por obxecto atender a previsible crecente demanda de solicitudes de aproveitamentos de recursos geotérmicos na Comunidade Autónoma de Galicia, en particular os de escaso valor económico e comercialización xeográfica restrinxida, aos que se lles dá utilidade en calefacción e climatización doméstica ou industrial e/ou ACS, así como servir de guía para simplificar e alixeirar a tramitación administrativa dos expedientes que se xeren. Esta instrución facilitará á Administración autonómica mineira os criterios para o exercicio das súas competencias sobre o réxime de autorizacións, permisos e concesións en relación aos recursos geotérmicos. Quedan excluídos do obxecto desta instrución as augas que xurdan a unha temperatura superior, polo menos, en catro graos centígrados á media anual do lugar onde alumen, sempre que, en caso de destinarse a usos industriais, a produción calorífica máxima sexa inferior a cincocentas termias por hora. Ditas augas termais tramitaranse como recursos da sección B) da Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas.
3. Aproveitamento de recursos geotérmicos.
Os recursos geotérmicos de alto interese enerxético e elevado valor económico serán obxecto de permisos de exploración e de investigación e concesión administrativa de explotación, cuxa tramitación se rexerá polo establecido para a clase de recursos da sección D) na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia., na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas e na Lei 54/1980, do 5 de novembro, que a modifica. Calquera aproveitamento de recursos geotérmicos de escaso valor económico e comercialización xeográfica restrinxida, en particular aos que lles é de utilidade en calefacción e climatización doméstica ou industrial e/ou ACS serán obxecto de autorización administrativa cuxa tramitación se rexerá polo establecido para a clase de recursos da sección A) na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minería de Galicia e na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas. En ambos os casos, no proxecto de explotación que se presente deberá figurar:
a) Situación xeográfica da zona, indicando: localidades próximas ou núcleos industriais, topografía, accesos e demais datos de interese na contorna da localización do aproveitamento.
b) Grao de recoñecemento do recurso para explotar, xustificado pola correspondente investigación e características físicas e químicas do mesmo.
c) Procedemento de explotación da calor, minerais ou outros produtos obtidos a partir de fluídos naturalmente quentes, indicando en cada caso a tecnoloxía aplicada e a utilidade que se dá ao recurso.
d) Sondaxes a perforar indicando: emprazamento, cota inicial e final prevista, equipo a empregar, programa de entubación, cementación e acabado de cada pozo, achegando un plano de situación relativa dos mesmos.
e) Características da maquinaria, equipo e materiais utilizados no curso das operacións que, en calquera caso, deberá reunir as condicións de seguridade e eficacia para este tipo de actividade.
f) Medidas preventivas de seguridade e hixiene no traballo.
g) Influencia sobre o medio ambiente, tanto das instalacións de explotación como da procedente da eliminación, vertedura ou inxección de residuos ou subproductos.
h) Director facultativo dos traballos. A fin de axilizar o procedemento, a resolución de autorización de calquera aproveitamento de recursos geotérmicos, de escaso valor económico e comercialización xeográfica restrinxida, aos que se lles dea utilidade en calefacción e climatización doméstica ou industrial e/ou ACS será expresamente delegada nas xefaturas territoriais, que levarán, ademais, o correspondente rexistro no que se deixase constancia administrativa da situación legal do aproveitamento.
Os criterios de valoración para configurar os conceptos de «escaso valor económico» e «comercialización xeográfica restrinxida» do recurso serán os contidos para o efecto no Real decreto 107/1995, do 27 de xaneiro, polo que se fixan criterios de valoración para configurar a sección A) da Lei de minas.
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2010. Anxo Bernardo Tahoces Director xeneral de Industria, Enerxía e Minas DOG nº 156, 16 de agosto de 2010.