28 Mai Galicia, líder nacional en minaría sostible
Galicia é un referente en canto a minaría sostible: o compromiso do sector coa sustentabilidade ambiental, económica e social vai máis aló da normativa esixida pola lei. Así o demostran as 14 empresas galegas certificadas ou en proceso de certificación na Norma UNE 22480, que representan o 60% total de empresas nacionais.
A Norma 22480: 2019 é un Sistema de Xestión Mineira Sostible cuxa implantación nunha empresa funciona como un sistema de excelencia, o que supón un aval de sustentabilidade e xera confianza tanto no radio de acción da actividade como no consumidor final. A minería galega desenvólvese en contornas rurais polo que este compromiso co medioambiente, a comunidade e a economía local é clave.
“A implantación desta norma axúdanos a ser máis sostibles, favorecendo a mellora continua, pero sobre todo fainos máis transparentes”, declarou Juan José López Muñoz, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, durante o VI Congreso Nacional de Áridos que se desenvolveu a semana pasada en Oviedo.
Así mesmo, o presidente da COMG aproveitou a súa participación na cita nacional do sector dos áridos para defender a necesidade da investigación xeolóxica para poder abastecer á industria, para facer fronte ao actual escenario global de guerra polas materias primas e favorecer a creación de emprego.
“En Galicia temos grandes indicios de moitos dos minerais que sustentan o desenvolvemento sostible -12 dos recursos minerais marcados como estratéxicos para Europa-. Temos o potencial xeolóxico e o compromiso”, explicou o presidente da entidade.