Caolin csic

Galicia é unha das grandes reservas mundiais de caolín, un mineral que podería resultar clave na búsqueda da cura contra o cancro

España é o país da Unión Europea con maiores existencias de caolín (extráense ao redor de 300.000 toneladas anuais), destacando Galicia como unha das grandes reservas mundiais de caolín. A facturación deste material na comunidade rolda os 8 millóns de euros anuais. De maneira histórica, podemos sinalar dúas grandes zonas de extracción: unha na contorna da Mariña Lucense, con explotacións en municipios como Cervo, Burela ou Foz; e outra na Costa da Morte, principalmente en Laxe e Vimianzo.

As propiedades do caolín convérteno nun material fundamental para industrias como a química ou a construción, que mesmo podería resultar clave na procura da cura contra o cancro. Por este motivo, investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) piden que este mineral sexa considerado un recurso de alto valor estratéxico.

O caolín ou caolinita é unha arxila mineral branca composta por silicato de aluminio hidratado produto da descomposición de rocas feldespáticas. O seu valor para a industria é elevado, tanto polo seu reducido custo, como pola súa porosidade, unha característica que lle permite absorber outras substancias con facilidade. Ademais, este material pode resistir a altas temperaturas, é inodoro, soluble, illante eléctrico e moldeable, entre outras moitas propiedades.

As principais aplicacións industriais do caolín son a fabricación de papel, a cosmética, a cerámica sanitaria ou a agricultura ecolóxica. Con todo, o seu uso máis interesante aplícase ao campo da medicina, onde o metacaolín, unha versión calcinada do caolín, pode utilizarse para a liberación de fármacos e a rexeneración de tecidos que permiten axudar á loita contra diferentes tipos de cancro.

En lugares como Estados Unidos xa se utiliza o metacaolín na medicina. Un exemplo diso é a creación de hemostáticos de uso militar, capaces de cortar o fluxo sanguíneo cando se produce unha hemorraxia. Ademais, os usos medicinais desta arxila branca van máis aló, xa que tamén pode utilizarse con nanopartículas de cobre ou prata como elemento illante ou desinfectante de bacterias resistentes aos antibióticos ou virus infecciosos coma o da Covid-19.