3

A feira Enerxétika 2024 pon o foco na transición enerxética en Galicia, un reto no que a minaría desempeña un papel clave

A directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Arantxa Prado, asistiu a dúas xornadas organizadas no marco da cuarta edición da feira Enerxétika, celebrada entre o 11 e o 13 de abril no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Na primeira das xornadas púxose o foco na industria e a tecnoloxía a través de tres relatorios: “Desenvolvemento industrial e transición enerxética en Galicia”, coa intervención de Patricia Rodríguez, Subdirectora Xeral de Proxectos da Secretaría Xeral de Industria da Xunta de Galicia; “Novos modelos de negocio asociados ao desenvolvemento de almacenamento enerxético”, da man de Santiago Rodríguez, Director da División de Enerxía do Instituto Tecnolóxico de Galicia; e “Hidróxeno verde: alternativas de obtención e usos en sistemas de almacenamento de enerxía”, liderada por Joaquín Grassi, Técnico da Unidade de Tecnoloxías da Enerxía en EnergyLab.

Na segunda das xornadas, impulsada por Acluxega, Asociación Clúster da Xeotermia Galega, presentáronse varios proxectos de referencia en xeotermia postos en marcha en Galicia: Invernadoiro “Flores Toxal” (A Guarda), Urbanización 36 vivendas (Nigrán), Edificio Ferro da Universidade de Vigo (Ourense), Iglesia Virxe do Camiño (Pontevedra), Estudos e Sede Central de Bimba & Lola (Vigo), rehabilitación de edificios no centro histórico (Ourense), Hotel Praza do Obradoiro (Santiago de Compostela) e Nova Sede Corporación Hijos de Rivera, S.A., Edificio Estrella Galicia (A Coruña).

Durante os tres días de duración da feira Enerxétika, os máis de 5.300 asistentes puideron presenciar conferencias de gran interese para o sector da enerxía, enfocadas a profundar sobre temas como o almacenamento de enerxía e a transición enerxética en Galicia; a biomasa como unha oportunidade estratéxica para a comunidade; a política enerxética en Portugal; o hidróxeno verde; ou as instalacións de autoconsumo e xeotermia; entre outros.

A celebración da feira Enerxétika ofrece a oportunidade de poñer en valor o potencial de Galicia en ámbitos tan importantes como o desenvolvemento industrial, as enerxías renovables ou o almacenamento enerxético a través de sistemas vinculados ao hidróxeno verde. Tamén serve para poñer o foco sobre os retos da transición enerxética e a descarbonización industrial, nos que a minaría exerce como actor crave, achegando solucións e garantindo o cumprimento dos obxectivos.