minaria-sostible-dia-minerales-2019

Galicia celebra o Día Europeo dos Minerais

Sharing is caring!

Co obxectivo de mellorar a comprensión pública sobre o papel esencial dos minerais nas nosas vidas, cada dous anos celebrase o European Minerals Day (Día Europeo dos Minerais), unha iniciativa impulsada por organizacións de toda a Unión Europea que representan ás industrias de áridos, cemento, minerais industriais, cerámica e rocas ornamentais, xunto a organizacións profesionais de xeólogos e enxeñeiros.

Entre os días 20 e 22 de setembro concéntranse un gran número de actividades destinadas a todos os públicos e que promoven o coñecemento das materias primas que aseguran a nosa calidade de vida, e que fomentan o diálogo e a confianza coa sociedade.

En Galicia, as empresas minerais tamén abren as súas portas ás comunidades locais para dar a coñecer a súa actividade e o seu compromiso coa sustentabilidade:

Xornada de portas abertas en Verea

A fábrica de Verea en Lanzá (Mesía) abriu as súas portas o pasado sábado 14 de setembro a máis de 100 persoas.

Os veciños de Mesía e concellos limítrofes puideron coñecer de cerca a fábrica de tellas de referencia en Galicia, que na actualidade elabora as tellas cerámicas con máis durabilidade do mercado español. O obxectivo da visita era coñecer o proceso de fabricación totalmente automatizado dunha tella cerámica, así como as melloras que a empresa introduciu no proceso de moenda da arxila para seguir incrementando a calidade do produto.

Durante a visita, os asistentes tamén descubriron en directo o oficio dun tradicional artesán Cabaqueiro, que antigamente fabricaba a tella manualmente.

Acto Central en Porriño

O 20 de setembro, a canteira de Blokdegal en Porriño, unha da máis grandes de granito Rosa Porriño, acollerá unha xornada na que un grupo de estudantes poderá coñecer a súa actividade. Os estudantes tamén visitarán Minergal, o Museo dos Minerais de Galicia, situado na Fundación Centro Tecnolóxico do Granito, para coñecer o patrimonio xeolóxico e mineiro. Finalmente, a xornada rematará en Ferro, unha canteira rehabilitada.

Ademais o acto que contará coa participación de autoridades, prensa e sectores ou colectivos vinculados á actividade mineira. Onde se dará voz a estes colectivos que ofrecerán o seu testemuño baseado na relación que teñen coa instalación mineira e como esta afecta a súa vida e a súa contorna: empregados, clientes e provedores, entidades patrocinadas, sindicatos…

Visita ás instalacións Caolines de Vimianzo (CAVISA)

Trátase dunha xornada de portas abertas para familiares de empregados e tamén para antigos traballadores que se celebrará o próximo 21 de setembro en Vimianzo.

O obxectivo é mostrar á contorna máis próxima da empresa as instalacións, desde as zonas actualmente en investigación ata os almacéns finais facendo fincapé nos xacementos de mica moscovita e a hidromina. Así como os proxectos de I+D+i que están desenvolvendo e os novos mercados e sectores nos que foron capaces de situar o caolín e a mica de Costa da Morte.

Xornada ‘A minaría, motor do desenvolvemento social’

O próximo 25 de setembro terá lugar este encontro de divulgación do sector mineiro organizado por Minaría Sostible de Galicia e Confedem. O acto levarase a cabo en forma de mesas redondas para poñer en común as voces e opinións dos participantes de diferentes ámbitos económicos e sociais, onde o tema central será o potencial das reservas minerais en Galicia e o seu uso en beneficio do desenvolvemento e o benestar.

Máis información: https://minariasostible.gal/es/dia-europeo-de-los-minerales/