A presidenta da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Cecilia Trancón, participou no II Foro de Liderado Feminino no Rural “ALZA VOZ DE MULLER”. O evento celebrado en Vimianzo os días 8 e 9 de maio, reuniu a representantes institucionais e profesionais para reflexionar sobre a desigualdade de xénero no ámbito laboral e os retos do liderado feminino, especialmente en contornos rurais e sectores tradicionalmente masculinizados.

O encontro inaugurouse cunha apertura institucional , na que a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez , deu a benvida e presentou o evento. Neste acto inicial tamén participaron Julio E. Abalde Alonso , subdelegado do Goberno na Coruña; María Quintiana Pérez , directora xeral de Promoción da Igualdade; Rosa Ana García López , deputada provincial da Deputación da Coruña; e Lorena Añón Loureiro , vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar.

Trancón acudiu acompañada pola directora da entidade, Arantxa Prado, e participou na mesa de diálogo “Chegar, sosterse e medrar: o prezo e o poder de liderar sendo muller”, compartindo a súa experiencia profesional.

Ao longo das xornadas abordáronse cuestións como o teito de cristal e as barreiras invisibles, as microagresións e o cuestionamento da autoridade, así como ferramentas para avanzar en igualdade, entre elas a formación continua e o teletraballo como apoio á conciliación. Tamén se puxo o foco na carga mental e na realidade da conciliación en solitario, subliñando a necesidade de seguir impulsando contornos laborais máis equitativos e cunha maior presenza de mulleres en postos de responsabilidade.