A Cámara Oficial Mineira de Galicia, xunto coa empresa membro CAVISA (Caolines de Vimianzo S.A.), organizou unha visita na que participou o alumnado de 1º ESO do IES Terra de Soneira (Vimianzo) e os escolares de 4º de Primaria do CEIP Bergantiños (Carballo). Unha xornada didáctica pensada para achegar ás novas xeracións aos minerais e ao seu uso cotián.
Neste senso, nas xornadas os grupos puideron aprender que é a minería e cales son os principais recursos minerais de Galicia, así como os seus diferentes ámbitos de aplicación, adaptados ao seu nivel educativo.
Nas instalacións tamén puideron descubrir o traballo diario da empresa: desde a investigación xeolóxica, a extracción e a restauración mineira, ata o tratamento e os usos finais de materiais como o caolín, a mica e as areas silíceas, presentes en múltiples industrias. A experiencia permitiulles comprender como estes recursos se transforman en materias primas esenciais para sectores como a cerámica, o vidro, os materiais de construción ou determinados procesos industriais.
Esta actividade forma parte das accións de divulgación de Minería Sustentable de Galicia. A Cámara Oficial Mineira de Galicia promove este tipo de iniciativas para fomentar o coñecemento do sector desde idades temperás, promover unha visión baseada no coñecemento e contribuír a que as novas xeracións entendan a contribución da minería ao desenvolvemento de Galicia.


