A directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG), Arantxa Prado, asistiu hoxe ao acto do Día da Ciencia en Galicia 2026, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca (Santiago de Compostela).

Durante o evento tivo lugar a entrega das Medallas de Investigación da RAGC, que nesta edición distinguiron a traxectoria de cinco referentes da ciencia galega, entre os que se atopa Leandro Alejano, catedrático de Mecánica de Rochas na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo. Ao grupo de científicos recoñecidos súmanse Mabel Loza García, catedrática de Farmacoloxía da USC e directora do CiMUS; Sebastián Villasante Larramendi, profesor de Economía Aplicada da USC e investigador do CRETUS; Rosa Crujeiras Casais, catedrática de Estatística e Investigación Operativa da USC e reitora da universidade; e Francisco Rivadulla Fernández, catedrático de Química Física da USC e investigador do CiQUS.

No caso de Leandro Alejano, recibiu a medalla Isidro Parga Pondal, creada en homenaxe ao químico e xeólogo que foi presidente da COMG a comezos dos anos 80. Esta categoría, correspondente á sección de Ciencias Técnicas, recoñece a súa achega ao avance do coñecemento aplicado e, especialmente, á mellora da seguridade nas explotacións mineiras. Durante o acto, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema, subliñou que a mecánica de rochas é unha disciplina clave non só para reforzar a seguridade na minería, senón tamén para o deseño e execución de grandes infraestruturas e obras civís, así como para outras intervencións sobre o territorio. Tamén puxo en valor unha traxectoria que combina investigación, desenvolvemento de metodoloxías e a súa aplicación práctica a retos concretos.

A sesión incluíu, así mesmo, unha homenaxe á oceanógrafa Aida Fernández Ríos, recoñecida como Científica Galega do Ano 2026, con pezas audiovisuais e intervencións centradas na súa traxectoria e contribución científica. O acto puido seguirse tamén en directo a través da canle de YouTube da RAGC.

Desde a COMG valoramos positivamente este tipo de encontros como espazos de referencia para reforzar a conexión entre ciencia, coñecemento do territorio e desenvolvemento sostible, poñendo en valor a investigación e o talento científico galego.