A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) asistiu á xornada de participación pública sobre o Esquema Provisional de Temas Importantes (ETI) do novo Plan Hidrolóxico do Miño-Sil, convocada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A COMG estivo representada por Javier González, presidente do Comité Normativo; Aitor Puente, director de Arigal e membro da Xunta Directiva; e Arantxa Prado, directora da entidade.

A sesión, inaugurada por José Antonio Quiroga Díaz, presidente da Confederación, presentou as liñas principais do ETI e abriu un coloquio cos asistentes. Entre os temas destacados figuraron o establecemento de caudais ecolóxicos, a mellora do estado de ríos e masas de auga (redución de presións, impactos e contaminación), o control de usos, extraccións e vertidos, a seguridade fronte a inundacións e secas, a mellora da gobernanza e do coñecemento e medidas de adaptación ao cambio climático e restauración ambiental, incluídas actuacións en zonas afectadas pola minería.

Na xornada expúxose tamén o diagnóstico do recurso: o 76% das masas de auga superficiais acadan o bo estado, mentres que as augas subterráneas mostran unha lixeira regresión por contaminación difusa.

O ETI está en consulta pública e o prazo para presentar alegacións e propostas finaliza o 28 de maio de 2026. A documentación está dispoñible en www.chminosil.es.