A Asociación Galega de Áridos (Arigal), membro da Cámara Oficial Mineira de Galicia, celebrou a súa Asemblea Xeral en Santiago de Compostela para analizar a actividade do sector e os principais retos de futuro, con especial atención á mellora normativa e á seguridade e saúde nas explotacións, eixes sobre os que a entidade centrou parte das súas iniciativas durante 2025.
Ademais, durante a xornada desde Arigal fíxose balance de todas as súas actividades entre as que destacou o seu papel como organizadora do Congreso Nacional de Áridos, celebrado o ano pasado con récord de visitantes, logrando consolidarse como unha cita de referencia para o sector.
A clausura do evento, ao que asistiu a directora da COMG, Arantxa Prado, correu a cargo do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen defendeu unha minería “comprometida coa sustentabilidade, a seguridade e a innovación”, destacando a evolución do sector cara a modelos vinculados á economía circular e á restauración ambiental. Na súa intervención subliñou tamén a necesidade de manter un investimento constante en formación e en novas tecnoloxías, sinalando a dixitalización e a optimización de procesos como pancas para gañar eficiencia e reducir a pegada de carbono.
Fernández Vila lembrou, ademais, que o sector dos áridos é “o primeiro elo da cadea de valor da construción e da industria”, remarcando que “sen canteiras non hai formigón, non hai asfalto, non hai progreso”. Neste contexto, puxo en valor os datos do último informe mineiro estatal (ano 2024), que reflicten un incremento do 5,3% no sector dos produtos de canteira, impulsado polo dinamismo da construción e da obra civil.

