A Cámara Oficial Mineira de Galicia participa na nova edición de “Contando Ciencia”, promovida pola Biblioteca O Segrel do Penedo do IES de Fene, coa colaboración do Concello de Fene.
Na quinta edición desta iniciativa, a técnica da COMG, Irene Pérez, impartirá a conferencia “Terras raras: nin son terras, nin son raras” o vindeiro xoves 15 de xaneiro na Casa da Cultura de Fene, a partir das 19.30 h.
A actividade, que está aberta a todos os públicos ata completar aforo, abordará a importancia estratéxica das terras raras para as tecnoloxías modernas e a transición enerxética, ademais de explicar que son, o seu descubrimento e a presenza destas materias primas críticas en Galicia.
“Contando Ciencia” é un ciclo de charlas que busca achegar a ciencia a toda a sociedade, máis alá dos laboratorios e das aulas. O programa naceu cunha intención clara: facer accesible a ciencia e fomentar o pensamento crítico, nun momento no que a desinformación e os bulos científicos circulan con facilidade. Os relatores deste ciclo de charlas son investigadores e divulgadores galegos que conseguen explicar cuestións de física, bioloxía ou matemáticas cunha linguaxe clara e amena.

