Raw materials week 2022

Europa celebra a súa semana das materias primas minerais

A sétima edición da ‘Semana das Materias Primas’ levarase a cabo do 14 ao 18 de novembro. Trátase dunha cita ineludible para todos os axentes implicados no campo das materias primas, que poderán asistir ao evento de maneira presencial (en varios puntos da cidade de Bruxelas) ou en liña.

En representación do sector mineiro galego, acudirá Pablo Núñez Fernández, membro da Xunta Directiva da Cámara Oficial Mineira de Galicia.

O evento está dividido en varios bloques temáticos que contarán con conferencias que abarcan o tema das materias primas minerais desde varios puntos de vista: marco legal, políticas e iniciativas de desenvolvemento, innovación e investigación, casos de éxito, etc. Así mesmo, contará coa intervención de Thierry Breton, comisario europeo de Mercado Interior e con Maroš Šefčovič , vicepresidente da Comisión Europea e comisario europeo de Relacións Interinstitucionais e Prospectiva.

A Semana das materias primas de 2022 centrarase na novena Conferencia anual de alto nivel da Asociación Europea para a Innovación (EIP) sobre materias primas e organizará ademais varios eventos complementarios que abordarán as últimas noticias sobre materias primas na UE, que inclúen: tendencias en innovación e tecnoloxías para materias primas, asociación estratéxica UE-Ucraína sobre materias primas e baterías, historias de éxito da tecnoloxía EU Horizon ou a colaboración entre a Unión Europea e Canadá.

Consulta aquí a axenda completa.