Estudos británicos confirman a relevancia da minería no mantemento da biodiversidade

  •  Os hábitats creados en antigas canteiras e areneras favoreceron a recuperación de especies que levaban anos extintas no Reino Unido
  • Para a Cámara Oficial Mineira de Galicia, o informe avala a tese defendida polo sector mineiro galego e pola Comisión Europea de que é posible compatibilizar a actividade extractiva co medio natural

A Coruña, 16 de febreiro de 2012.

Un estudo realizado pola Real Sociedade para a Protección das Aves británica, coñecida polas súas siglas en inglés como RSPB, puxo de manifesto o importante papel que desenvolven os espazos mineiros no mantemento da biodiversidade. O informe elaborado en 2011 constatou a recuperación do avetoro ( Botaurus stellaris) no Reino Unido, unha especie de garza que chegara a estar extinta como reprodutora e que atopou nas canteiras e areneras con carrizo o hábitat perfecto para a nidificación.
O censo realizado o pasado ano rexistrou máis de 100 exemplares de avetoro, fronte aos 11 localizados en 1996. Das 26 localidades de cría detectadas en 2011, 15 sitúanse en explotacións mineiras, tanto en activo como abandonadas. O estudo recoñece a relevancia da actividade extractiva neste logro, grazas aos esforzos da industria no coidado da contorna e na correcta recuperación das canteiras.
Segundo o Xefe de Conservación de Especies e Hábitats da RSPB, Darren Moorcroft, “o fantástico labor da industria de produtos minerais na restauración de canteiras en todo o país proporcionou un fogar para esta rara ave”. Ademais, unha investigación realizada pola fundación Nature After Minerals en 2006 conclúe que, dos 11 hábitats prioritarios recolleitos no Plan de Actuación da Biodiversidade do Goberno do Reino Unido, 9 podían darse en explotacións mineiras. A web internacional de observadores de aves www.surfbirds.com publicou a finais do pasado ano o artigo ” Avetoros en auxe nas canteiras do Reino Unido”, onde cita os diversos estudos sobre a relevancia da minería na recuperación da biodiversidade.
CASOS GALEGOS
En Galicia, no ano 2008, a Cámara Oficial Mineira de Galicia promoveu un estudo sobre aves en canteiras do litoral galego. Segundo esta investigación, a proliferación de canteiras na metade occidental da Comunidade provocou cambios na paisaxe que ofrecen a algúns ser vivos excelentes posibilidades de desenvolvemento. Así acontece coas chamadas aves rupícolas, que nidifican nos cantiles, como o falcón peregrino.
Esta especie atopa nas paredes de canteiras un lugar idóneo que favorece a súa presenza en áreas do territorio galego que doutro xeito nunca ocuparía. A inundación dos ocos xerados nalgunhas explotacións mineiras pola choiva tamén converte estes espazos en lugares de posta para anfibios de conservación desfavorable en Galicia, como o sapo de espuelas. A biodiversidade presente en territorios antes ocupados por industrias extractivas é outro claro exemplo de que a minería pode contribuír a potenciar a riqueza natural da contorna.
APOSTA POLA COMPATIBILIZACIÓN
Estes estudos e exemplos son un aval máis para a reivindicación da Cámara Oficial Mineira de Galicia de apostar pola compatibilización da actividade extractiva co medio natural. Trátase dunha tese tamén defendida por Europa na “Guía da Comisión Europea sobre a realización de actividades extractivas non enerxéticas de conformidade cos requisitos de Natura 2000”, documento, ratificado polo comisario europeo de Medio Ambiente, Janez Potocnik, e polo vicepresidente da Comisión Europea e responsable de Industria e Emprendemento, Antonio Tajani.
Con todo, en Galicia a Xunta optou por prohibir de maneira xenérica a minería na Rede Natura, desatendendo, en opinión do sector, as recomendacións europeas e os múltiples estudos e exemplos que verifican a sustentabilidade da actividade extractiva. Nesta liña, a Cámara Oficial Mineira de Galicia presentou xa ante a Xunta alegacións ao Plan Director de Rede Natura 2000 e á proposta de ampliación da Rede Natura, insistindo na necesidade de respectar os dereitos mineiros existentes no territorio galego e de estudar caso a caso as posibilidades de compatibilización da minería co medio no que se desenvolve.