Edítase o Manual básico de documentación administrativa e xurídica

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Pablo Figueroa, presentaron hoxe o Manual básico de documentación administrativa e xurídica, unha publicación que recolle por primeira vez modelos de documentación xurídica en galego, á vez que actualiza e amplía o anterior Manual básico de documentos administrativos en galego (2006).

A publicación, elaborada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa EGAP, pretende impulsar a modernización da lingua administrativa e xurídica galega, á vez que incide na creación de novos recursos técnicos en galego que garantan a máxima calidade do traballo da Administración. Do mesmo xeito, o manual constitúe unha nova ferramenta para favorecer a formación en galego do funcionariado da Administración autonómica e de xustiza.

Catro grandes bloques de contidos

O manual, do que se editaron 3.000 exemplares, estrutúrase en catro grandes apartados de contidos. En primeiro lugar, recóllese unha guía rápida para a redacción administrativa e xurídica, concibida como unha lista de consellos para mellorar a redacción dos textos. O segundo e o terceiro apartado conteñen, respectivamente, modelos comentados de documentos administrativos e de documentos xurídicos. Finalmente, o bloque que pecha o libro é o da bibliografía seleccionada, unha oferta de obras impresas e dixitais de interese para ampliar a formación e recursos útiles para o asesoramento persoal.

Descarga o Manual básico de documentación administrativa y jurídica (2010)

Visita a web da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Visita o Servicio de Normalización Lingüística de la Cámara Mineira