visita-mina-riotinto

COMG visita a Mina de Riotinto en Huelva

Sharing is caring!

O pasado xoves, un grupo de 20 membros da Cámara Oficial Mineira de Galicia puido coñecer de primeira man as modernas técnicas de produción de cobre desenvoltas na mina de Riotinto, na provincia de Huelva, unha das operacións mineiras máis importantes de España, que emprega a 900 persoas e supuxo un investimento de 300 millóns de Euros.

A comitiva estivo encabezada por José Lista, presidente da COMG; Juan José López, vicepresidente; e Miguel Ángel Fortúnez, director da entidade. Tamén asistiron empresarios galegos do sector mineiro, representantes de asociacións, de colexios profesionais e da Universidade.

A visita foi levada a cabo en grupos de menos de dez persoas e respectando en todo momento as recomendacións das autoridades sanitarias. O equipo técnico de Atalaia Mining acolleu e guiou aos visitantes a través das diferentes instalacións mineiro-metalúrxicas: a curta mineira, a planta de tratamento de mineral, o laboratorio e o xacemento arqueolóxico romano.

O obxectivo desta xornada foi coñecer as prácticas sostibles e a tecnoloxía de última xeración que converteron en referente europeo a esta mina a ceo aberto. Un proxecto que supuxo unha redución do paro do 35% na comarca, con máis de 900 empregos directos, ocupados na súa maioría por habitantes da Conca Mineira.

Durante a viaxe tamén se xeraron sinerxias entre os profesionais galegos e andaluces a través da posta en común de ideas e cunha meta compartida: fomentar a minería metálica en España nun momento no que a Comisión Europea incide máis que nunca no impulso do auto-abastecemento destes materiais estratéxicos. Metais como o cobre ou o litio son esenciais na loita contra o cambio climático e o desenvolvemento do coche eléctrico, e poden converterse o xerme dunha auténtica cadea de valor para a industria.