Comezan os cursos de formación preventiva en Santiago

27 de marzo de 2014
Máis de 50 operarios de maquinarias de transporte e de arranque que traballan en empresas mineiras da área de Santiago participan nos cursos de formación preventiva organizados pola Cámara Oficial Mineira de Galicia e financiados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
A acción formativa, destinada a actualizar a capacitación dos asistentes, desenvólvese no Hotel Eurostars San Lázaro durante as xornadas do xoves e vienres, 27 e 28 de marzo, de 15:30 a 20:30 horas.
O curso enmárcase na programación de formación preventiva que desenvolve anualmente a Cámara Oficial Mineira de Galicia, co obxectivo de proporcionarlles aos traballadores da minería un completo coñecemento dos riscos xerais da actividade que desenvolven, así como das súas responsabilidades en cada posto de traballo. Trátase tamén de promover unha idónea capacitación técnica orientada á prevención de riscos.
Hai que destacar que, de acordo co Regulamento de Normas Básicas de Seguridade Mineira, esta formación ten carácter habilitante para o desempeño do posto de traballo, polo que a súa realización é obrigatoria e debe renovarse periodicamente.
Este ano, ademais de en Santiago, os dez cursos previstos desenvolveranse en Ourense e no Porriño durante os meses de abril e maio. O total de traballadores que se formarán en 2014 da man da Cámara Oficial Mineira de Galicia supera os 200, que se suman aos 980 operarios formados desde 2009 no marco deste programa de formación preventiva.