As boas prácticas galegas impóñense

  • Celebrados os Premios Nacionais de Desenvolvemento Sustentable 2015 da Federación de Áridos, onde optaban dous proxectos galegos.
  • O resultado certifica as boas prácticas do sector, optando aos premios europeos.

O pasado día 16 de xuño, ao longo da mañá e nas dependencias da Federación de Áridos, en Madrid, celebrouse a defensa das candidaturas dos Premios Nacionais de Desenvolvemento Sustentable 2015 da Federación de Áridos.

Nela, efectuouse a defensa das 14 candidaturas que optaban aos premios nas categorías de Medio Ambiente, Seguridade e social, e Contribución á Sociedade, fronte a un xurado formado por autoridades académicas, do Ministerio de Industria, do Centro de Iniciativas Ambientais Fundación Tormes, e de institucións europeas, estando presidido polo Director Xeral de Industria, Enerxía e Minas de Castela a Mancha, D. Alfonso Vazquez Varela de Seijas.

Os membros do xurado destacaron a alta calidade de boa parte dos proxectos presentados, obrigando a prolongar as deliberacións ata ben entrada a tarde. Finalmente, a candidatura da empresa ERIMSA destacou sobre o resto de candidaturas, polas súas excelente prácticas ambientais, logrando o galardón, e a designación de candidatura para os Premios UEPG 2016, onde compiten explotacións de toda Europa.

Dentro da categoría Seguridade e Social, a candidatura presentada pola empresa Prebetong Aridos SLU (grupo Votorantim), onde se destaca o excelente traballo desenvolto nos aspectos de Seguridade e Saúde do seu centro de traballo Abilleira, en Xove, conseguiu o segundo posto.

Con estes dous galardóns, certifícase o constante investimento e esforzo levado a cabo por todo o sector en mellorar as condicións de traballo no sector dos áridos de Galicia, así como na coexistencia da actividade co medio ambiente, tanto na fase de traballo, como na de posterior clausura.