A Xunta Xeral Ordinaria avaliou a actividade da COMG en 2015

A Cámara Oficial Mineira de Galicia desenvolveu o pasado 30 de marzo a súa Xunta Xeral Ordinaria, na que se avaliou a actividade e o balance de contas do ano 2015 e aprobáronse os orzamentos para 2016. Na xunta tamén se aprobou o proxecto de Regulamento para o Réxime Interior da entidade.

No informe presentado polo presidente abordouse o resumo das accións máis importantes realizadas pola Cámara o pasado ano. Así, fíxose un repaso polas principais xuntas mantidas en 2015 e os asuntos abordados nelas.

Do centenar de reunións realizadas, destacáronse as que se mantiveron co subdirector xeral de Minas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, e coas conselleiras de Medio Ambiente. Tamén se resaltou a participación no Consello Galego de Economía e Competitividade, no foro 3 do Plan Estratéxico de Galicia e na Comisión da Calidade da Universidade de Vigo, así como en diversos eventos e xornadas nos que se representou ao sector mineiro galego.

Ademais, púxose de manifesto o labor de asistencia técnica e xurídica desenvolta pola entidade, con máis dun cento de consultas atendidas e a emisión de 59 informes, e o intenso traballo realizado polo Comité de Normativas, coa revisión de diversos documentos e a presentación de alegacións a moitos deles.

Integración ambiental e territorial

O informe do presidente aborda tamén as principais accións realizadas, por unha banda, a favor da compatibilidade co medio natural, coa presentación de alegacións a plans de protección ambiental e hidrolóxicos e a colaboración na organización de xornadas, e, por outra, en favor da integración territorial. Neste caso destacan os logros nas alegacións á Lei do Solo, na que se conseguiron modificacións que mellorarán a integración urbanística das actividades extractivas; a participación da COMG na tramitación ambiental de plans, programas e actividades; e a revisión de 78 instrumentos de ordenación territorial e urbanística.

No campo da seguridade e a saúde destacaron as achegas ao Borrador de Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo e a participación en diversas xornadas. Tamén se sinala o labor en favor da mellora do desenvolvemento das actividades extractivas, con achegas á Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0; a elaboración do informe sobre o abastecemento de materias primas en Galicia; e a presentación á Xunta dun ambicioso plan de mellora para 2016.

Ademais, presentouse un avance do labor desenvolto no que levamos de ano, con 13 reunións mantidas con diversos responsables @de la Xunta, a asistencia a 9 eventos, 22 consultas atendidas e 35 instrumentos de ordenación revisados.

Balance de contas

Outro dos temas abordados nesta Xunta Xeral Ordinaria foi a aprobación das contas de 2015 e o orzamento 2016, incluída a proposta de manter, por sétimo ano consecutivo, a contía das cotas comúns, dada a complicada conxuntura económica actual.