Conde Strategic Minerals

A mina de Penouta obtén a concesión da sección C

A mina de Penouta (Viana do Bolo, Ourense), operada por Strategic Minerals, acaba de obter o pase a concesión da sección C para o seu aproveitamento durante 30 anos, o que se traducirá na creación de 75 empregos directos e un investimento de ao redor de 40 millóns de euros.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avaliou esta semana con directivos de Strategic Minerals o impacto positivo que o pase a concesión de Mina Penouta (Viana do Bolo) pode ter nas cadeas de subministración de compoñentes tecnolóxicos, fundamentais para a cadea de valor da industria europea.

A mina obterá recursos minerais críticos na actualidade. Por unha banda, o niobio e o tantalio, empregados en para fabricar compoñentes de novas tecnoloxías: procesadores e condensadores electrónicos, intercambiadores de calor e aliaxes súper resistentes á abrasión. E por outra, o estaño, un mineral necesario para a transición enerxética pola súa escaseza e importantes propiedades na fabricación de compoñentes electrónicos para a automoción, así como para procesos químicos, instrumentos quirúrxicos e implantes.

Na reunión, a empresa presentou, ademais, o proxecto de sustentabilidade enerxética da mina, que ten como obxectivo conseguir o 100% do autoconsumo enerxético a través da xeración de electricidade grazas ao emprego de fontes renovables, como é o caso da fotovoltaica.

Conde remarcou que para a Administración autonómica a minaría é un sector estratéxico, xa que preto do 8% da produción mineira nacional sal de Galicia. Neste sentido, está a elaborar, en consenso cos axentes que compoñen esta industria, a Axenda de Impulso da Minaría Sostible. A Xunta busca así impulsar a innovación tecnolóxica e o talento neste sector; fomentar a integración ambiental, a economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro de Galicia; e convertelo nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor da industria galega.