Plantilla fotos web comg

A empresa portuguesa DST e a COMG, da man de Arigal e a través da OIPE, únense para impulsar proxectos de I+D+i

Tras o seu primeiro contacto a principios de 2024, a Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) reuniuse hoxe en Braga coa empresa portuguesa DST, S.A. (Domingos da Silva Teixeira) para a articulación dunha alianza transfronteiriza, da man da Asociación Galega de Áridos (Arigal) e a través da Oficina de Impulso de Proxectos Europeos (OIPE).

Ambas entidades traballan na exploración de oportunidades de financiamento europeo para a súa participación conxunta en proxectos de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), co obxectivo común de fomentar a innovación, a investigación e a implementación de solucións vangardistas que poidan impactar positivamente en múltiples sectores.

DST, S.A. é unha destacada empresa portuguesa no sector da enxeñaría e a construción, con máis de cinco décadas de experiencia, desde a súa fundación en 1965. Especializada nunha ampla gama de servizos, que inclúen enxeñaría civil, obras públicas, edificación, enerxía, medio ambiente e xestión de proxectos e servizos industriais, DST distínguese polo seu enfoque innovador e o seu compromiso coa excelencia, sendo un referente no seu campo e impulsando o progreso e a innovación no mercado global.

A colaboración entre a COMG e DST a través da OIPE non só abre a porta a unha nova era de sinerxias entre sectores clave da economía galega e portuguesa, senón que tamén subliña a importancia da cooperación entre empresas para impulsar o progreso tecnolóxico e científico en beneficio da sociedade.