A COMG insiste ante o CES nas súas alegacións ao proxecto de Lei de Solo

A Cámara Oficial Mineira de Galicia remitiu o pasado 21 de agosto as súas alegacións ao proxecto de Lei de Chan, cuxo borrador foi remitido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruras ao Consello Económico e Social de Galicia (CES), tras a incorporación de alegacións de diferentes entidades.

A COMG insiste nos argumentos alegados xa ao primeiro borrador do documento en 2014. A relevancia para o sector mineiro dos cambios propostos ha levado á entidade cameral a incidir nas súas demandas ante o CES, así como a solicitar unha reunión con Urbanismo. A COMG apunta a necesidade de cambiar a actual redacción da Disposición Adicional Terceira, que á súa vez modifica o artigo 14 da Lei 3/2008, de minería de Galicia, mantendo a obrigación de solicitar un certificado de dereitos mineiros do Rexistro Mineiro de Galicia para a elaboración de instrumentos de planificación territorial. O obxectivo é incrementar a integración territorial do sector mineiro e evitar a planificación de actuacións e proxectos sobre dereitos mineiros vixentes, froito do descoñecemento da súa existencia. En liña coa Iniciativa de Materias Primas da Comisión Europea que protexe o acceso aos recursos minerais necesarios para a industria europea fronte a actuacións que imposibiliten o seu aproveitamento futuro.

Ademais, a entidade cameral solicita a eliminación da obrigación de obter autorización ou informe favorable nos chans rústicos de especial protección forestal ou agrícola en caso de actividades ou instalacións de aproveitamento de bens de dominio público, ou declaradas de utilidade pública.

Para a COMG, esta medida establece unha preponderancia dos intereses privados, como o agrario ou forestal, sobre un interese público como o mineiro. Así se trasladaría á Lei do Solo a condición de “bens de dominio público” dos dereitos mineiros, establecida polo art. 2 da Lei de Minas, e a necesidade de ponderar a compatibilidade dos diferentes intereses existentes sobre un mesmo territorio, avalada por numerosa xurisprudencia.

Demanda tamén exceptuar os movementos de terras xa regulados pola lexislación mineira da obrigación de obter licenza municipal (Artigo 138.2.e), así como incluír un novo artigo ou disposición que anule as cláusulas dos plans xerais de ordenación municipal que limiten os materiais para utilizar en cubertas de edificacións.

Outra das cuestións nas que insiste é na incorporación dunha nova Disposición Transitoria que permita continuar coa súa actividade, realizando como único trámite a comunicación previa prevista no artigo 142 desta lei, ás explotacións mineiras que obtivesen o recoñecemento administrativo da súa existencia antes da entrada en vigor da Lei 9/2002.

Instalacións en chan rústico

Por outra banda, para evitar confusións na interpretación do texto, a Cámara considera que “sería desexable unha mellor redacción do artigo 31. m), incluíndo as instalacións mineiras na listaxe de instalacións industriais admisibles en chan rústico”.
Proponse tamén incrementar a altura máxima permitida para edificacións en chan rústico, ou eliminar por completo esta restrición, actualmente establecida en 7 metros polo artigo 35. c. Segundo sinala a entidade “isto é insuficiente para algúns establecementos de beneficio, dado que con 7 metros non se pode, por exemplo, poñer un ponte guindastre con seguridade”.
Por último, solicítase a inclusión dun parágrafo novo na Disposición Transitoria Terceira para que as construcións en chan rústico vinculadas a explotacións mineiras, amparadas pola correspondente licenza urbanística e que estean en proceso de peche ou xa clausuradas, poidan destinarse a usos alternativos, tales como almacéns, actividades museísticas, centros de loxística, turismo, viveiros de empresas ou centros de formación, a condición de que a Autoridade Mineira non dispuxese a súa demolición na resolución de peche e abandono da concesión.