COMG Mining Finland

A COMG e Mining Finland reúnense para atopar novas vías de colaboración

O pasado mércores, Juan José López Muñoz, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia; reuniuse con Miia Mikkonen, CEO da plataforma Mining Finland; e Guillermo Solano, desarrollador de negocio da embaixada de Finlandia en España.

Mining Finland é unha asociación sen fins de lucro, formada por organizacións públicas e empresas privadas que desenvolven actividades no sector mineiro en Finlandia. A plataforma promove investimentos estranxeiros na agrupación industrial mineira finlandés e facilita a colaboración en I+D e formación entre os actores do sector mineiro.

Este primeiro encontro entre as entidades galega e finlandesa, xorde do interese suscitado en Mining Finland pola plataforma Minaría Sostible de Galicia.

Durante a reunión, Juan José López explicou as actividades levadas a cabo pola plataforma, así como os servizos que ofrece a COMG. Pola súa banda, os representantes finlandeses explicaron tamén cales son as súas liñas de acción.

O obxecto da reunión foi a procura de vías de colaboración entre as dúas plataformas mediante a procura de investidores españois interesados en proxectos de empresas finlandesas e na colaboración mutua en proxectos de investigación xeolóxica.

Desde a Cámara Oficial Mineira de Galicia, convidouse tamén aos membros de Mining Finland a asistir aos eventos presenciais desenvoltos por Minaría Sostible de Galicia, para que coñezan un pouco mellor a realidade da minaría galega e poidan establecer sinerxias coas empresas e os profesionais do sector.

Actualmente, Finlandia posúe unhas 100 minas en operación e aproximadamente 5500 postos de traballo. Trátase dun país exemplar en canto a minaría sostible, coñecido polo seu respecto ao medio e pola sustentabilidade dos seus proxectos, non só mineiros. Por iso, a plataforma é un partner ideal para desenvolver novos proxectos compartindo uns compromisos e uns valores de sustentabilidade.